O Concello de Ferrol está a proxectar un servizo de desbroce na totalidade dos camiños municipais do rural, tal e como indicou esta mañá a concelleira de Obras, Servizos, Zona Rural e Medio Ambiente, Ana Lamas, que incluirá as necesidades de limpeza de gabias co fin de resolver as solicitudes que se trasladaron desde as entidades veciñais. O que se expón é un servizo de “calidade, con maquinaria especializada que garante a seguridade e o correcto mantemento dos viarios do rural”.
Neste senso, Lamas lembrou que o seu departamento xa desenvolveu desbroces na totalidade dos camiños municipais da zona rural, unha intervención na que se empregou maquinaria e técnicas “moi modernas”, como dous tractores con desbrozadora lateral e cinco con brazo articulado —un deles de menor tamaño para lugares de difícil acceso— e persoal para traballos manuais naquelas zonas nas que os tractores non chegan. Lamas indicou que as actuacións se realizaron segundo o asesoramento que ofreceron os representantes das asociación de veciños e valorou o servizo prestado como o “máis potente que se fixo para a zona rural”. “Nunca se executou unha roza con tantos medios técnicos como o de agora”. Neste senso, explicou que os desbroces na zona rural “requiren traballos máis especializados e esixentes e maquinaria moito máis potente que na urbana”. As necesidades “son totalmente distintas”.
“Parece que o que lle molesta ao PP é que a última roza saíse tan ben”. Resulta “curioso que critique o custo do servizo por unha banda e por outra critique a débeda coa zona rural”.