O persoal do Almirante reclámalle á empresa que recupere xa a actividade do hotel

Levan dende o inicio da pandemia neste situación de incerteza e logo de encadear dous ERTE e sen prestacións por desemprego
Concentración do plantel | CIG
Concentración do plantel | CIG

Traballadoras e traballadores do Hotel Almirante de Ferrol levaron as súas protestas contra o ERTE que se lles está a aplicar até abril de 2023 até ás portas do establecemento que a cadea Carrís  Hoteles ten no complexo comercial Marineda City na Coruña. Deste xeito, o persoal dá continuidade ás mobilizacións iniciadas tras a empresa comunicar que ía executar unha nova suspensión de contratos, a segunda que encadean dende o inicio da pandemia, sen ofrecer garantías de reapertura. A CIG-Servizos explica que día de hoxe «xa non hai ningunha escusa que poida xustificar que o Hotel Almirante permaneza pechado: as avarías están reparadas e o inmóbel atópase á espera de que a empresa decida retomar a actividade».

Por iso, a central nacionalista continúa coa axenda de mobilizacións para instar a empresa a recuperar a actividade e para denunciar publicamente a situación desesperada na que se atopa o persoal afectado «que leva media vida traballando neste hotel» e agora atravesa unha absoluta incerteza sobre o futuro dos seus empregos. «Parece que Carrís Hoteles non ten intención ningunha de reabrir o hotel de maneira inminente, estando máis preocupada a empresa pola sentenza que acaba de publicarse a respecto do litixio mercantil que mantén co propietario do inmóbel».

A este respecto, subliña a enorme afectación anímica que padecen as traballadoras e os traballadores do Hotel Almirante, que levan dende o inicio da pandemia neste situación de incerteza e logo de encadear dous ERTE, «sen prestacións por desemprego e buscando a vida como boamente poden noutros empregos». Critica Rodríguez que o persoal está «abandonado polas administracións e pola empresa», polo que continuarán na acción sindical e mobilizándose nas defensa dos seus empregos.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.