O vindeiro mes de xaneiro comezarán as visitas porta a porta do traballo técnico que recollerá o diagnóstico e as propostas de rexeneración urbanística deste barrio e do barrio Feijóo. A alcaldesa de Lugo, anunciou o pasado venres ante máis de 300 persoas, “que suporá un antes e un despois para esta área, a máis populosa da cidade, tanto na rehabilitación das vivendas particulares como da nova configuración e recuperación dos espazos públicos”.
A rexedora, que estivo acompañada por un responsable da empresa GAU, lembrou que “o obxectivo é rematar coa degradación urbanística e social que sofre esta zona e mellorar a calidade de vida da cidadanía a través de solucións que melloren o ámbito público, e tamén as vivendas e edificacións desde un punto de vista da eficiencia enerxética e da confortabilidade e que axuden a dinamizar esta parte da capital”. Cos traballos que se iniciarán tras as festas de Nadal, o Concello de Lugo quere declarar este espazo como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada -ERRP-, “a nova denominación do que antes se coñecía como Arru ou Ari”, puntualizou Méndez, “que é o trámite previo para poder concorrer ás axudas que se habilitan ao abeiro dos Fondos Next Generation e que temos vontade de solicitar para propiciar a rexeneración destas contornas”.
Méndez comprometeuse coa veciñanza da Milagrosa en realizar un seguimento persoal desta estratexia que “xa iniciamos no mandato pasado coa recuperación de xardíns e prazas na Milagrosa, melloras dos espazos públicos, apertura de prazas gratuítas de aparcadoiros disuasorios, a creación de rúas e áreas peonís ou a apertura de novos equipamentos municipais como o centro interxeracional Paco Martín”, dixo, “pero coa que agora damos un paso máis alá para a rexeneración integral dun barrio que experimentou un deterioro progresivo”
A alcaldesa de Lugo, nesta reunión coa cidadanía da Milagrosa, na que estivo presente a Federación veciñal, avanzou así mesmo que este mes comezarán a cambiarse a totalidade dos colectores de lixo no barrio que, ademais, ampliarán o seu número, “e coa chegada de nova maquinaria do novo servizo concesionario se iniciará unha limpeza en profundidade en todas as rúas”.
Sobre a seguridade, Méndez lembrou que recentemente mantivo unha reunión coa subdelegada de Goberno e os máximos responsables da Policía Local e Nacional para incrementar a presenza das forzas de seguridade e pediu aos propietarios das vivendas que se ocupan de xeito ilegal que o denuncien xudicialmente, “porque senón non se pon en marcha a maquinaria legal para expulsalos”.
Discussion about this post