O catedrático de Microbioloxía Jesús López Romalde será distinguido como Ferrolán do ano

As insignias de ouro serán para dous centros educativos da cidade —A Laxe de Valón e Jesús Maestro—, para a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, o equipo Abeconsa Basketmi e para Rafael Pillado
Jesús López Romalde
Jesús López Romalde

O catedrático de Microbioloxía e decano da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Jesús López Romalde (Ferrol, 1964) recibirá o título de Ferrolán do Ano 2022, tal e como aprobou na tarde de onte por unanimidade o pleno da corporación municipal. Romalde foi designado como experto técnico a nivel estatal para a SARS-CoV-2 polos seus traballos sobre a detección do virus en augas residuais. É tamén autor de máis de 230 artigos en revistas de divulgación científica e participou en 50 proxectos de I+D a nivel estatal e europeo. É embaixador para España da American Society for Microbiology e recibiu o Premio Internacional de Investigación Científica e Técnica ‘Enxeñeiro Comerma’ (1988), Premio Jaime Ferrán da Sociedade Española de Microbioloxía (2001) e a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, a Real Academia Galega de Ciencias acaba de entregarlle a medalla Ánxeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde pola súa traxectoria científica.

O pleno desta tarde tamén aprobou por unanimidade outorgar as insignias de ouro 2022 ao CEIP A Laxe de Valón, polo seu traballo na promoción dunha ensinanza que «garante o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribución á creación de contextos e cultura inclusivos»; ao CPR Jesús Maestro, con motivo do 75.º aniversario da súa fundación e pola súa aposta por un sistema pedagóxico innovador; á Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, entidade que celebra o seu 50.º aniversario na procura da eliminación das barreiras comunicativas; ao Abeconsa Basketmi, pola súa traxectoria e os seus éxitos deportivos ao lograr o primeiro posto na Primeira División de baloncesto en cadeira de rodas e o ascenso a División de Honra, e, por último, a Rafael Pillado, con motivo do 50.º aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972 e como homenaxe á súa loita sindical e política na defensa das liberdades e do traballo digno.

As distincións serán entregadas o vindeiro 7 de xaneiro no Teatro Jofre no transcurso da tradicional cerimonia institucional que o Concello organiza con motivo da festividade de San Xiao.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.