“Cando cumpre 50 anos, Caranza comeza o mellor momento da súa historia”. O alcalde, Ángel Mato, destacou así a traxectoria do barrio máis populoso da cidade no momento no que se celebra o seu medio século. Na súa intervención durante o acto institucional co que esta tarde se festexou o aniversario no Auditorio de Ferrol, o rexedor asegurou tamén que “Caranza mira ao futuro dende unha posición envexable”. Repasou tamén as transformacións que están en marcha, como a renovación de espazos verdes ou a humanización da avenida das Pías, “a primeira obra obra de España do Plan de Recuperación que se dedica á Axenda Urbana”, e que, asegurou, non vai servir unicamente para romper barreiras físicas entre barrios, senón tamén para seguir integrando socialmente zonas moi distintas da cidade.
O alcalde interviu tras recoller, en nome do Concello de Ferrol e acompañado pola concelleira de Participación Cidadá, Ana Lamas, o premio Román Piñón ao apoio asociativo veciñal, que lles entregaron a presidenta da Asociación de Veciños Cuco Ruiz de Cortázar, María del Pilar Rodríguez Venancio, e o vicepresidente da entidade, Santiago Magán. A Deputación da Coruña foi premiada polo seu apoio no ámbito da cultura e o deporte, un galardón que foi recollido polo presidente, Valentín González Formoso. Formoso agradeceu o recoñecemento e destacou que as ayudas culturais e deportivas da Deputación chegan a máis de 1.600 entidades da provincia. Asimismo, felicitou aos responsables da entidade veciñal por estes 50 anos de historia e remarcou a importancia das asociacións veciñais para a dinamización dos barrios.
Rodríguez Venancio dedicou previamente na súa intervención palabras de lembranza e homenaxe a Román Piñón, histórico dirixente veciñal que da nome aos premios que hoxe entregou a entidade durante o acto. Os galardóns, ademais do antedito concedido ao Concello de Ferrol, foron os seguintes: ao labor social, a Caritas da Parroquia de Santa María de Caranza; á integración social, ao Taller de Promoción da Etnia Xitana; á acción social contra a droga, a Asfedro; á entidade deportiva, á ACDR Galicia de Caranza; a título póstumo, a Armando Lobo Fernández; á entidade cultural, á SAC Armonía; a título póstumo, a Anita Paz Rodríguez; o premio Abrindo Horizontes, á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao; á innovación e desenvolvemento, ao Instituto Galego da Vivenda e Solo; ao progreso, ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, á dinamización cultural e deportiva, á Deputación da Coruña, e a título póstumo, a Román Piñón Bouza.
O acto achegouse ao final cunha pequena sorpresa: o alcalde e o presidente da Deputación entregaron figuras conmemorativas á actual presidenta e aos expresidentes da Asociación de Veciños de Caranza que asistiron ao acto, en agradecemento polo seu traballo e como lembranza deste día. A continuación, para pechar, o Coro da Ra ofreceu un concerto.