O Concello de Ferrol vai executar ao longo do primeiro trimestre do ano intervencións de renovación nun total de nove parques infantís da cidade, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas. En canto ao de Esteiro, substituirase un dos xogos actuais, o elefante tobogán, por un camión de bombeiros de preto de 2 metros de alto e recomendado para ata 6 pequenos. Ademais se pintará o resto de elementos para unificar o espazo. No de Amboage substituiranse dous xogos (os máis preto ao acceso ao recinto) por un novo carrusel e unha pequena locomotora e no de Canido se acondicionarán elementos para nenos de menor idade tendo en conta que se atopa próximo a unha escola infantil. Deste xeito, colocarase unha casita e un multixogo tipo torre con tobogán.
No de Pablo Iglesias (Esteiro) o Concello vai substituír o columpio cesta e un tobogán e no de Juan de Austria (Caranza) instalarase un columpio inclusivo. Tamén se dotará dun xogo casita o recinto infantil de San Pablo e adaptarase á normativa vixente o parque de San Felipe. O Concello tamén actuará no parque da Casa de Acollida, onde se colocará no chan caucho continuo de cores e tres novos xogos: unha casita, un coche resorte e un elemento estático.
Lamas lembrou que tras Nadal o Concello vai acometer unha intervención integral no parque infantil da Praza Vella, en Ferrol Vello, que incluirá un tren de tres pezas, tobogáns, bambáns, unha cesta, un balancín e un xogo resorte. A edil apuntou que tamén se delimitará e pintará o campo de baloncesto, pintarase unha vía de tren ao longo do espazo infantil e substituirase o chan por outro de caucho continuo. O Concello pretende con este paquete de intervencións que comezarán co novo ano “seguir avanzando na mellora dos parques infantís da cidade e converter estes espazos en máis agradables e atractivos para os nosos veciños máis pequenos ao tempo que mellorar as estruturas destinadas ao ocio infantil”, explicou Lamas.