Santiago avanza na plataforma loxística de mercadorías para sacar os camións da zona vella

O goberno xa aprobou o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións e o proxecto de expropiacións de terreos
A plataforma loxística de intercambio de mercadorías estaría localizada nunha parcela adxacente, na súa parte sur, con MercaGalicia
A plataforma loxística de intercambio de mercadorías estaría localizada nunha parcela adxacente, na súa parte sur, con MercaGalicia

O Concello de Santiago de Compostela avanza na tramitación da plataforma loxística de mercadorías, proxectada a carón do Polígono do Tambre. Esta semana aprobouse inicialmente, en Xunta de Goberno, o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID); e o proxecto de expropiación por taxación conxunta para a execución da primeira fase do citado plan. Tamén se deu luz verde ao convenio con MERCA S.A. para a definición do anteproxecto, redacción do proxecto, execución de obra e dotación deste centro de acopio e distribución de mercadorías.

Esta plataforma loxística enmárcase na estratexia deseñada polo Concello de Santiago, articulada en distintas fases, para establecer un novo modelo de distribución de mercadorías, nun primeiro momento aplicable ao ámbito da zona vella, pero susceptible de ser estendido posteriormente a outras zonas da cidade. Segundo consta na documentación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID), elaborada pola área de Urbanismo que dirixe Mercedes Rosón, a plataforma loxística de intercambio de mercadorías estaría localizada nunha parcela adxacente, na súa parte sur, con MercaGalicia e conta cunha superficie total de 78.006,60 metros cadrados. Está previsto que o proxecto se desenvolva en dúas fases. Da primeira fase, que contempla unha actuación sobre 41.876 metros cadrados, aprobouse, inicialmente, tamén esta semana, o proxecto de expropiación por taxación conxunta, valorada en 167.763,71 euros. Nunha segunda fase actuaría sobre os 36.129,8 metros cadrados restantes.

Tamén se aprobou esta semana, en Xunta de Goberno, o convenio con MERCA S.A. para a redacción do proxecto, execución de obra e dotación do centro loxístico de acopio e distribución de mercadorías para o casco histórico de Santiago de Compostela, que contempla un investimento de 4.598.000 euros, divididos en dúas anualidades: 1.064.074 euros en 2023; e 3.533.926 euros en 2024. Mediante este documento, o Concello de Santiago asume, entre outros compromisos, a aportación da parcela, a aprobación do proxecto para a construción desta plataforma loxística, e a aportación da cantidade necesaria para sufragar os custos do proxecto.

O Concello de Santiago ten definida unha Estratexia de loxística urbana sostible no casco histórico de Santiago de Compostela que require a consolidación dun centro loxístico de distribución urbana, situado fóra da cidade, pero ben conectado. Neste modelo, os camións de reparto que antes accedían aos distintos negocios da zona vella depositarían a súa mercadoría nesta plataforma loxística. Alí xestionaríanse os horarios e traxectos óptimos para redistribuíla, practicamente á demanda, aos distintos negocios da cidade histórica, en vehículos de cero emisións, máis lixeiros. A actuación obxecto do presente PEID contribúe ao desenvolvemento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da economía, e tamén están aliñados coa Estratexia de mobilidade segura sostible e conectada 2030 de ámbito estatal.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.