Así serán as paradas dos Reis Magos en Narón, Fene, Valdoviño e Cedeira

Melchor, Gaspar e Baltasar desfilarán acompañados por carrozas e recibirán á rapazada
20160105_182535_Desfile_de_Reis_Magos

Todo está preparado para recibir mañá xoves aos Reis Magos de Oriente en Narón. Ás 17.30 horas sairán da praza do Colexio de Xuvia nas súas carrozas, acompañados por unha gran comitiva formada por unhas 400 persoas e cos paxes que os acompañarán no percorrido ata a praza de Galicia, donde se prevé a súa chegada sobre as 19.30 horas. Alí serán recibidos pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e integrantes da corporación local, e posteriormente reuniranse coas nenas e nenos.

O percorrido deseñado para a Cabalgata por un tramo da estrada de Castela, dende Xuvia ata o Alto, será un novidoso espectáculo artístico pensado para Narón. “A viaxe máxica. Cabalgata de Reis de Narón” estará formada polas carrozas nas que irán os Magos de Oriente cos seus paxes, nenas e nenos de Narón e acompañantes adultos. A carroza do Carteiro real acompañado dos heraldos irá abrindo a comitiva na que os máis rezagados poderán entregar a súa carta aos Reis Magos.

Irá seguida das carrozas reais das Súas Maxestades: Melchor Gaspar e Baltasar, e tamén das da Maruxaina (un persoaxe da cultura popular galega), o Crebanoces, que é un espectáculo típico das datas do Nadal e a do Carboeiro real que especialmente compuxo para esta ocasión dúas cancións para os nenos e nenas da cidade.

Recepción real en Fene

As súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente tamén visitarán o Concello de Fene este xoves para atender as peticións dos nenos e das nenas do noso municipio. Será unhas horas antes de iniciar o seu percorrido por todos os fogares do mundo para deixar os agasallos comprometidos. Así, respondendo ao convite da Concellería de Cultura, farán un alto no seu camiño en Fene. Chegarán ás 17:30 á parroquia de Perlío, á altura do establecemento Aguilar, para percorrer a Avenida Marqués de Figueroa, Cruzamento de Fene e Avenida de Naturais para dirixirse á Praza do alcalde Ramón José Souto González onde, nunha carpa habilitada a estes efectos, terá lugar a recepción real.

A Cabalgata estará formada por catro carrozas acompañadas pola Banda de Gaitas “Airiños de Fene”, a escola de baile “Paso a Paso” e o grupo de animación de “La Guagua”. Durante o percorrido, por razóns de seguridade viaria, non se tirarán caramelos. Serán as súas Maxestades e os seus axudantes quen os repartan en man entre os nenos e as nenas que se acheguen á recepción real que terá lugar ao remate da Cabalgata.

Xa na Praza do alcalde Ramón José Souto González, ademais do reparto de caramelos, as nenas e os nenos que aínda non formularan os seus desexos poderán depositar as súas cartas no Buzón Real situado na propia Praza, conversar e fotografarse coas súas Maxestades e participar nunha festa infantil na que non faltarán as coreografías e os xogos de animación.

Agasallos en Valdoviño

Outra das paradas que farán as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente este xoves será en Valdoviño. Convidados polo Concello, chegarán á casa consistorial sobre as seis da tarde, e alí agardarán aos nenos e nenas que solicitaron viaxar nalgunha das carrozas da comitiva real. 

Todos eles iniciarán un percorrido que os levará á Casa da Cultura e no que repartirán centos de caramelos. Estarán acompañados tamén polos integrantes do Circo Krasnovarak, de Troula Animación.  No auditorio municipal, os Reis atenderán as peticións dos máis pequenos da casa e entregaranlles un pequeno obsequio.  O Concello quere agradecer a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño, que velará pola seguridade do percorrido.

Chocolatada en Cedeira

Tamén chegará a cabalgata dos Reis Magos a Cedeira. A comitiva sairá do CEIP Nicolás do Río ás 18:00 horas, coas súas tres carrozas para Gaspar, Melchor e Baltasar. Realizará un percorrido polo casco urbano e irá ao Auditorio Municipal, onde recibirán aos nenos e nenas que queiran entregarlles as súas cartas. A continuación, sobre as oito, haberá unha merenda nas instalacións do colexio, na que se repartirá chocolate quente con roscón de Reis ou bola. Instalaranse xogos inclables para a cativada.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.