O Concello de Pontedeume informa da apertura do novo aparcadoiro de Vilar, tras a finalización das obras na zona. A infraestrutura cumpre así cunha demanda histórica dos veciños e veciñas desta parroquia, que agora disporán dunha zona de estacionamento con capacidade para corenta vehículos, a carón da Igrexa e cemiterio parroquial. O Concello adquirira meses atrás este solar, que se atopa a vinte metros do acceso á igrexa.
Tras a redacción e licitación do proxecto, iniciáronse as obras de construción do aparcamento, que remataron semanas atrás. A parcela está distribuída en dúas pezas, conectadas entre si por unha ponte sobre o regato. Así mesmo, nos vindeiros días iniciarase a licitación das obras de construción do novo aparcadoiro do Empedrado. Un espazo que contará tamén con corenta prazas de aparcamento, permitindo recuperar para a veciñanza a praza de San Roque, que volverá a ser peonil.