O número de positivos pola Covid-19 segue aumentando tras darse a coñecer esta misma mañá un novo caso segundo informan dende a Consellería de Sanidade. Con este, xa son seis os infectados na área sanitaria de Ferrol, dous pertencentes ao municipio cedeirense e outros tres contaxiados despois de realizar unha festa privada nunha área de veraneo de Ferrolterra.
Polo momento se descoñece a orixe da sexta nova vítima, a cal confirma o avance do coronavirus polas comarcas galegas xusto un día despois de que a Xunta optara por ampliar novas medidas para frear este segundo brote da Covid-19. Porén, a área sanitaria de Ferrol segue a ser a que menos contaxios reviste, moi por detrás de A Coruña -246-, Lugo -79-, de Ourense -37-, Pontevedra -44-, da área de Vigo -81- e a de Santiago -40-.
Con este último caso amplíase o total de pacientes positivos dos cales 3 están en UCI, 25 en unidades de hospitalización e 505 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 11.403 persoas curadas, rexistrándose 620 falecementos. E no que respecta ao local xa son 625 os casos acumulados na área de Ferrol con estes 6 novos casos, dos cales 586 superaron o virus e obtiveron a alta epidemiolóxica e 33 faleceron a causa do Covid.