Despois de máis de dous meses de captación de participantes a través de reunións en concellos, asociacións e confrarías de pescadores e tras un acto de presentación o pasado día 3 en Santiago de Compostela, os GALP promotores da iniciativa están xa en reunións coas persoas inscritas para fixar días, lugares e horario para o arranque desta primeira edición do programa Relevo 2020.
Relevo xeracional no sector pesqueiro
Este proxecto ten como principal obxectivo fomentar e acadar o relevo xeracional no sector pesqueiro, a través da captación e formación de mozos e mozas, facilitándolles unha visión global do sector, así como ferramentas e recursos que lles permitan orientar o seu futuro en relación ao sector do mar.
Trala reunión levada a cabo no Antigo Hospicio de Ferrol, os membros do GALP Golfo Ártabro Norte e os asistentes deixaron acordado que o comezo das sesións formativas terá lugar o vindeiro martes día 29 de setembro en horario de mañá.
Características dos cursos formativos
A metodoloxía será moi práctica e dinámica facendo que o alumnado sexa o protagonista da súa propia formación e adaptando os contidos e as prácticas e visitas segundo os seus intereses. Existe unha ampla variedade de perfís académicos e de experiencia laboral no alumnado o que fará máis interesante a docencia e as sesións ao se tratar de grupos multidisciplinares pero con inquietudes compartidas entorno ao sector do mar.
Dende o GALP infórmase de que aínda quedan prazas libres e que o formulario de inscrición permanecerá aberto para aquelas persoas que desexen incorporarse, incluso nesta primeira edición.
Solicitude de información
Para informarse sobre o proxecto,está habilitada a dirección de email [email protected] e o espazo web relevo2020.org no que ademais se atopará o formulario de inscrición que quedará habilitado esta mesma semana.
As persoas que así o desexen tamén poden informarse na oficina do GALP, na súa sede en Sada e seguir as novas a través das redes sociais Instagram e Facebook buscando por Relevo2020.