A Policía Local emitiu o pasado sábado 19 de setembro unha denuncia pola fuxida dun vehículo que circulaba a gran velocidade no entorno da zona do Parque Ferrol, no Boial.
Tras recibir o aviso a través do 092 de que se estaban producindo carreiras ilegais, os axentes observaron no lugar mencionado que dous vehículos circulaban rápido en sentido contrario. Procederon a cortar o carril ao tempo que activaron o sistema luminoso para dar aviso aos condutores de que debían deterse.
Un dos axentes tamén realizou indicacións manuais para parar o vehículo, e tras isto un dos coches detívose, mentres que o outro continuou dándose á fuga. Os ocupantes do vehículo detido manifestaron ter sufrido ameazas e agresións por parte dos ocupantes do outro vehículo, os cales comezaron a increpalos no estacionamento do Burger King.
Finalmente e tras engadir que estaban sendo perseguidos no momento no que chegaron os axentes, a Policía Local formulou denuncia administrativa de tráfico ao vehículo identificado e tamén ao fuxido.