Os voceiros dos grupos municipais e o alcalde, Ángel Mato, recibiron esta mañá do luns 21 de setembro no pazo municipal ao comité de empresa de Siemens Gamesa.
Os representantes sindicais explicaron durante a reunión a súa inquedanza por unha posible deslocalización da produción da empresa e o conseguinte peche da planta das Somozas, despois de que a compañía informara da falta de carga de traballo máis alá de finais de ano, o que se une á recente compra dunha fábrica de palas en Portugal.
Declaración pola continuidade da planta
Por ese motivo, trasladaron a petición de que o pleno da corporación aprobe unha declaración en defensa tanto da continuidade da empresa na comarca coma dos postos de traballo. Tanto o rexedor coma os portavoces expresáronlle á representación sindical o seu apoio e avanzáronlle que na próxima sesión plenaria, o vindeiro xoves 24, se aprobará un documento nese senso.
Tras a xuntanza, Mato destacou que a presenza de Siemens Gamesa é moi importante para Ferrolterra non só en termos de emprego, senón tamén porque a eólica «é un piar fundamental e un sector clave» para a transición a un modelo de enerxías limpas e para o desenvolvemento industrial da comarca.
O propio Mato insistiu en que a incidencia da factoría «ten gran incidencia no emprego e é estratexicamente é importante» debido a que, a maiores da implantación de parques, ten incidencia nas exportacións e no desenvolvemento económico. Finalmente, o rexedor reclamoulles a todas as Administracións que aposten pola pervivencia de Siemens Gamesa en Ferrolterra.