Quico Cadaval chega este venres a Valdoviño para o estreo de «Únic@s»

Este venres 25 o veterano dramaturgo, actor e narrador será o inaugurador deste ciclo de monólogos impulsados polo Concello
66141807_10218220823449226_7136235380898004992_o

O veterano dramaturgo, actor e narrador Quico Cadaval será o encargado de inaugurar este venres 25 de setembro o ciclo «Únic@s». Con esta iniciativa, o Concello de Valdoviño converte ao monólogo en protagonista da súa oferta cultural nas portas da fin de semana.

«Cadaval conta… vacas, guerras, curas e cregos»

A primeira entrega do programa teatral, fixada para as 20.30 horas, permitirá aos veciños e veciñas gozar no auditorio da Casa da Cultura do espectáculo «Cadaval conta… vacas, guerras, curas e cregos». Nel, ao fío da historia de Xuán o Fino, un antepasado ao que pinta como un home bo e anodino, o narrador debulla toda unha serie de peripecias protagonizadas por persoas «menos virtuosas» que rodean ao seu devanceiro.

Trátase dunha fábula coral, estreada o pasado ano con motivo da celebración do 15 aniversario de Excéntricas Producións, coa que Quico Cadaval demostra, unha vez máis, o seu talento como contador de historias ao longo de tres décadas.

Dispoñibilidade das entradas

Desde a Concellería de Cultura sinalan que que ata este venres, en horario de 11.00 a 14.00 horas, poderán retirarse  a Casa da Cultura as invitacións -un máximo de dúas por persoa- para asistir á función. Insisten ademais en que o aforo para o espectáculo será limitado e que, de acordo co protocolo de prevención da Covid-19, durante a obra haberá que permanecer coa máscara posta.

«Únic@s», impulsado polo Concello, enmárcase no programa Cultura no Camiño +, que financian Gadis e a Xunta de Galicia para enriquecer a oferta de actividades dos concellos polos que pasan o Camiño de Santiago e outros itinerarios complementarios como o Camiño de San Andrés de Teixido. O ciclo terá continuidade os seguintes venres, cos monólogos de Xan Veiga e Jorge Baleo.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.