Cinco novos murais enchen de arte o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía

As obras de Mazaricos, Oroso, Mesía, Abegondo e Ordes completan a terceira edición de «Arte no Camiño», un proxecto impulsado pola Deputación da Coruña que suma xa 14 murais nas rutas xacobeas da provincia
En Beche (Abegondo), Sekone pinta os outros peregrinos, quen percorre o Camiño de noite | Deputación da Coruña
En Beche (Abegondo), Sekone pinta os outros peregrinos, quen percorre o Camiño de noite | Deputación da Coruña

A arte urbana continúa a transformar a paisaxe dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia da Coruña. A terceira edición de «Arte no Camiño incorpora cinco novos murais en Mazaricos, Oroso, Mesía, Abegondo e Ordes, con creacións que combinan a historia local, a natureza, as tradicións e as experiencias das persoas peregrinas.

A iniciativa, impulsada pola Deputación da Coruña coa colaboración dos concellos e das asociacións dos Camiños Inglés e Fisterra-Muxía, busca integrar a creación artística nas rutas xacobeas e poñer en valor a identidade de cada territorio. Coas novas obras, o proxecto alcanza os 14 murais realizados entre 2024 e 2026.

Cinco murais con historias propias

Cada artista achega unha visión diferente do territorio e da experiencia de percorrer o Camiño.

Mazaricos: a paisaxe e as tradicións. O mural de Twee Muizen rende homenaxe ao paso do Camiño polo municipio a través da natureza galega, os elementos propios da experiencia peregrina e referencias á gastronomía e ás tradicións populares.

O mural de Mazaricos, de Twee Muizen | Deputación da Coruña

Oroso: unha viaxe cara ao interior. Baixo o título Viaxe interior, Sokram representa unha senda que se adentra nun monte denso para reflexionar sobre a soidade, o autocoñecemento e o percorrido persoal de cada camiñante.

Mesía: a memoria dos coidados. A obra de Agustina Shuan lembra a importancia de Bruma, que durante moito tempo foi o único hospital da zona e un punto de confluencia da ruta. O mural homenaxea a atención ás persoas peregrinas a través da figura do médico, dun viaxeiro que retoma a marcha tras recibir asistencia e das referencias ao paso do tempo mediante o sol e a lúa.

O mural de Mesía, de Agustina Shuan | Deputación da Coruña

Abegondo: os peregrinos que camiñan de noite. En Beche, Sekone pon o foco nos animais que acompañan a paisaxe nocturna, cun xabaril, un moucho e un lobo sobre un fondo escuro de tons vermellos, ocres e violetas.

Ordes: unha ponte entre o pasado e o presente. En Buscás, María Martelo parte de fotografías antigas cedidas pola veciñanza e de imaxes recollidas polo investigador Gustav Henningsen no libro Galicia máxica: reportaxe dun mundo desaparecido. A proposta traslada esa memoria colectiva a unha parede para preservar e compartir a historia da parroquia.

O mural de Ordes, de María Martelo | Deputación da Coruña

Catorce murais nas rutas xacobeas da provincia

Desde o inicio do proxecto en 2024, «Arte no Camiño» foi incorporando creacións en diferentes localidades da provincia. No Camiño Inglés, os murais están situados en Miño, Paderne, Culleredo, Carral, Abegondo, Mesía, Ordes e Oroso. No Camiño Fisterra-Muxía, as obras poden atoparse en Negreira, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra.

O deputado provincial Antonio Leira presentou os cinco novos murais e destacou que o proxecto completa un percorrido artístico que xa forma parte da paisaxe das rutas. Tamén puxo en valor o traballo dos artistas e a capacidade das obras para conectar coas persoas camiñantes e coa veciñanza.

A iniciativa pretende, así, enriquecer a experiencia de quen percorre os Camiños de Santiago e dar visibilidade ao talento artístico, ao tempo que contribúe a divulgar a historia e as particularidades dos municipios polos que pasan estas rutas.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.