Música, libros e unha exposición para conmemorar as Letras Galegas en Viveiro

Un ano máis lánzase a iniciativa 'Orgullo de ser', que propón incorporar pezas do traxe tradicional galego á vestimenta ou vestirse completamente co traxe

O día 17 celebrarase un baile tradicional e xuvenil a cargo de Bágoas da Terra

O Concello de Viveiro anuncia o programa de actos previstos para o próximo mércores co gallo do Día das Letras Galegas, unha xornada especial e festiva na vila que neste 2023 está dedicada a Francisco Fernández del Riego.

A xornada do día 17 comezará ás 12:00 horas coa interpretación do Himno de Galicia no balcón da Biblioteca Municipal a cargo de David Bellas, artista e profesor do CMUS de Viveiro. De seguido, na Praza Maior, celebrarase un baile tradicional e xuvenil a cargo de Bágoas da Terra. Ás 13:30 horas, na Praza da Fontenova, terá lugar a iniciativa ‘Música e Libros’ coa colaboración da Libraría Porta da Vila e de África Copias, que inclúe un concerto do coro infantil do colexio Lois Tobío.

Xa pola tarde, ás 18:30 horas, o Teatro Pastor Díaz acolle a actuación de Magín Blanco ‘Cuaderno de Cores e Cancións’, con entrada de balde ata completar aforo. O Día das Letras Galegas tamén terá unha especial actividade en Covas, cun pasarrúas de música tradicional a cargo do grupo ‘Amigos do Folk’.

“Dende o concello estamos especialmente orgullosos da implicación do noso tecido asociativo e cultural na celebración dunha xornada tan importante para por en valor a nosa lingua, as nosas tradicións e a nosa cultura”, sinala María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.

Os actos de celebración continuarán na xornada do xoves cun concerto do Cuarteto de Clarinete do CMUS na Praza da Fontenova a partir das 18:30 horas; mentres que o venres, ás 18:00 horas, na mesma localización, tocará o Grupo de Gaitas. Así mesmo, a sala multiusos acolle entre este luns día 15 e o luns 22 a exposición ‘Exaltación do traxe galego’ que poderase ver de 10:00 a 14:00 horas grazas a Bágoas da Terra.

A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, anima á veciñanza a sumarse un ano máis á iniciativa colectiva ‘Orgullo de ser’, que propón incorporar pezas do traxe tradicional galego á súa vestimenta ou a vestirse completamente co traxe.

Tamén se recorda que entre o día 15 e o 19, a Biblioteca Municipal agasallará aos seus usuarios e usuarias (ata esgotar existencias) cunha bolsa conmemorativa deste día tan especial.

Salir de la versión móvil