O barrio ferrolán de Canido non vai quedar este ano sen a tradicional festa de vendida da primavera, Os Maios, aínda que os veciños e veciñas terán que reinterpretar os tradicionais adornos florais que cada ano inundan as rúas de cores e olores. A pasada semana a Asociación de Veciños de Canido, a principal impulsora do evento nos últimos anos, anunciou que se suspendía a festa, pero propuxo unha iniciativa para manter o espírito da festividade: Os Maios nas xanelas.
Deste xeito, para os próximos 2 e 3 de maio, dende a entidade veciñal invitan a tódolos veciños a seguir adornando os seus balcóns, terrazas e fiestras con adornos florais como tódolos anos. Se non poden ser de flores naturais, serán confeccionados con teas, cartóns, plásticos ou calquera material de refugallo.
Para aqueles que teñen dúbidas ou non sepan como elaborar este adornos florais con material doméstico, a artista Sofía Piñeiro, que ademais é a autora do cartel das festas dos Maios de Canido 2020, vén de subir as súas redes un pequeno tutorial con algunhas ideas.
Ademais, dentro desta celebración virtual, tamén se vai festexar vía streaming -ás 19.00 horas- o concerto previsto para o próximo venres dentro do I Festival de Acordeóns Cidade de Ferrol. Será a través da canle de Youtube da Asociación de Acordeonistas de Canido. Para ir quentando motores, a asociación musical xa elaborou unha primeira peza, a modo de aperitivo, interpretada pola cantante galega Lucía Pérez acompañada ao acordeón por Joaquin Enriquez.
Discussion about this post