O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a presidenta da asociación sociocultural de persoas con discapacidade ASCM, Paula Gárate, firmaron esta mañá un convenio de colaboración de 18.000 euros para este ano co fin de financiar actividades psicosociais e o transporte adaptado da entidade.
Esta subvención forma parte do anexo de subvencións nominativas do Concello de Ferrol para este exercicio aprobado polo pleno municipal o pasado 27 de abril. Tras a firma do convenio, o rexedor agradeceu á presidenta de ASCM “o labor desenvolvido durante tantos anos na cidade” co fin de mellorar o día a día dos seus usuarios e resaltou o gran esforzo que fai a entidade “por acompañar ás persoas con dificultades de mobilidade”.
Pola súa banda, Gárate agradeceu ao alcalde á axuda económica e destacou o traballo conxunto coa Administración local para lograr “unha cidade máis accesible para todos.” Engadiu que o seu traballo sae adiante “grazas a convenios como o firmado hoxe co Concello de Ferrol” e sinalou a inserción laboral como un dos seus grandes retos.
A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, destacou que ASCM é unha das entidades de maior referencia na cidade polo seu importante traballo con persoas con discapacidade e diversidade funcional e lembrou que a asociación forma parte do Grupo de Traballo de Dependencia e Diversidade Funcional do Concello de Ferrol.
Discussion about this post