Toupa, unha gata perdida tres días en Santiago: «Un veciño atopouna no portal e boutona á rúa»

Conseguiron levala de volta a casa tras días de angustia: unha chamada podía ter evitado toda a situación
Toupa desaparecida Fontiñas

Toupa, unha gata doméstica que vive no barrio compostelano de Fontiñas, pasou tres días desaparecida despois de saír da casa por accidente e de que un veciño a atopase no portal e a botase á rúa. A súa propietaria, Sara Blanco, iniciou unha busca desesperada que mobilizou familiares, amizades e veciñanza, ademais de persoas voluntarias que colaboraron para tentar atopala. Finalmente, o animal foi localizado nun pequeno oco de formigón situado baixo unhas escaleiras, nas inmediacións da súa vivenda e puido ser rescatado tras varias horas de intentos.

A desaparición produciuse o pasado venres, cando Sara tivo que saír de casa ás présas e non puido comprobar onde estaban naquel momento os seus dous gatos, Toupa e Nemo. Cando volveu a casa horas máis tarde, a súa compañeira advertiulle de que Toupa non aparecía.

Esta gata siamesa tiña por costume saír ó portal, polo que empezaron a buscala polo edificio, revisando garaxes, rochos e distintos espazos comúns mentres tamén preguntaban aos veciños por se alguén a atopara. Foi entón cando descubriron que unha veciña vira a Toupa e decidira ignorala, mentres que outro residente viuna, abriulle a porta e rematou botándoa á rúa.

Segundo lle explicou a Sara, o animal comezara a rañar na súa porta e, cando a abriu, entrou na súa vivenda. O home perseguiuna para sacala e, ao pensar que se trataba dun dos gatos das colonias da zona, decidiu expulsala do edificio. “Como neste barrio hai tanto gato, boteina á rúa”, relatou a propietaria que lle dixo.

A familia saíu entón a buscar Toupa pola rúa, revisando a contorna e debaixo dos coches ante o temor de que puidese sufrir un atropelo. A primeira noite prolongaron a busca ata as tres ou as catro da madrugada, sen resultados. Ao día seguinte comezaron a colocar carteis por Fontiñas e difundiron a desaparición nas redes sociais.

Un rescate de madrugada baixo unhas escaleiras

Despois dunha fin de semana de busca sen éxito, no último percorrido do domingo, xa de regreso a casa, Sara e a súa parella viron a Toupa sentada nunhas escaleiras a escasos metros da vivenda, na parte traseira do edificio, pero despois agochouse. Ela estaba ben: xa só quedaba rescatala, pero non ía ser doado.

A gata estaba escondida nun oco baixo unhas escaleiras, nun espazo de formigón do que resultaba moi complicado sacala, xa que estaba asustada. Comezou entón un intento de rescate no que se empregou unha gaiola-trampa con comida, pero o animal non chegou a entrar nela. Os gatos das colonias que se achegaban atraídos polo alimento e a caída dunha árbore de grandes dimensións no parque que provocou un forte ruído dificultaron a operación.

Finalmente, os Bombeiros de Santiago acudiron ao lugar e, de xeito voluntario, colaboraron no rescate. Tras presentarse alí en varias ocasións e múltiples intentos, optaron por romper o formigón dende o outro lado das escaleiras para acceder ao espazo no que estaba a gata. Coa axuda de redes para bloquear as posibles vías de fuxida, un dos bombeiros conseguiu introducir o brazo, acariciar o animal e sacalo con coidado para metelo nunha caixa de transporte.

Toupa puido regresar así á casa. A gata atópase ben, aínda que a súa desaparición deixou na familia varios días de angustia e unha experiencia que Sara quere aproveitar para chamar a atención sobre a responsabilidade que implica atopar un animal doméstico na rúa.

“Vivín as dúas caras da sociedade”

Sara Blanco recoñece que a desaparición de Toupa permitiulle comprobar tanto a solidariedade de numerosas persoas como a falta de empatía que, ao seu xuízo, contribuíu a complicar o sucedido.

A propietaria destaca especialmente o labor dos Bombeiros de Santiago, que regresaron en varias ocasións ata conseguir sacar a gata do seu agocho, e o de Micos do Barrio, as voluntarias que xestionan as colonias felinas da zona e que colaboraron de maneira altruísta, axudando nos intentos de rescate. Iso si, quere deixar claro que a xestión das colonias non implica que estas persoas teñan a obriga de rescatar gatos domésticos perdidos nin de facerse cargo deles: é competencia do servicio de recollida de animais

Fronte a esa resposta, lamenta a actuación do veciño que expulsou Toupa á rúa sen comprobar se tiña familia. “Non lle custaba nada preguntarlles aos veciños”, sostén. Sara explica que non pretendía converter o caso nunha acusación persoal, pero considera que o sucedido amosa as consecuencias de actuar sen pensar no que lle pode ocorrer a outro ser vivo.

A propietaria asegura que a situación podería ter sido moi distinta se o home preguntase no edificio ou avisase dos servizos correspondentes. “Podo entender que non entendas que para min un animal é como un fillo; o que non entendo é que o lances á rúa”, reflexiona.

Ademais, advirte da falta de conciencia sobre os gatos domésticos e dos perigos aos que se enfrontan cando se perden. Aínda que poden agocharse e sobrevivir durante un tempo, non son animais autosuficientes nin están necesariamente preparados para vivir na rúa. No caso de Toupa, a busca rematou ben e relativamente rápido, pero Sara teme que o desenlace puidese ser outro se non conseguían atopala.

Que facer se perdes un gato ou atopas un animal perdido?

A partir do sucedido, Sara insiste na importancia de actuar con sentido común e de coñecer os pasos básicos para axudar a un animal desaparecido sen poñelo en máis perigo.

Se perdes un gato:

  • Busca primeiro nas inmediacións da vivenda. Os gatos adoitan agocharse preto do lugar onde desapareceron, no primeiro refuxio que atopan. Revisa os portais, os garaxes, os rochos, os baixos dos coches e todos os recunchos próximos.
  • Busca en horas de silencio. A noite e a madrugada poden ser bos momentos para percibir os movementos do animal, xa que o ruído da rúa pode facer que permaneza agochado.
  • Coloca obxectos co seu cheiro. Unha manta, a súa cama ou o seu areeiro ou outros elementos familiares poden axudar a que recoñeza a contorna. Tamén se pode deixar comida que lle guste nun lugar seguro e vixiado.
  • Difunde a desaparición. Coloca carteis na zona, avisa á veciñanza e comparte fotografías e información nas redes sociais. Indica o lugar e a data da desaparición e facilita un teléfono de contacto.
  • Pregunta nos edificios e locais próximos. Comproba se alguén viu o animal ou se puido quedar pechado nun garaxe, rocho ou outro espazo.
  • Non perdas a paciencia. Os gatos poden permanecer agochados durante días e deixar verse moi pouco. A busca pode prolongarse, polo que é importante manter a difusión e revisar os lugares próximos de maneira continuada.
  • Contacta cos servizos municipais e entidades de protección animal. Comunica a desaparición e solicita orientación sobre os recursos dispoñibles. As persoas que xestionan colonias felinas poden achegar información sobre a zona, pero non son necesariamente as responsables da busca de gatos domésticos.

Se atopas un animal perdido:

  • Non o expulses á rúa nin o abandones. Se aparece nun portal, nunha vivenda ou nun garaxe, non debes dar por feito que é un animal sen dono. Pode ter unha familia que o estea buscando.
  • Avisa á Policía Local. En Santiago, podes contactar con este servizo para que che indique como proceder e, se corresponde, active o servizo municipal de recollida de animais. Tamén podes solicitar orientación sobre o traslado ao refuxio e a identificación do animal.
  • Se está na estrada ou corre perigo inmediato, chama ao 112. Facilita a localización máis exacta posible e explica o estado do animal e os riscos aos que está exposto.
  • Non intentes collelo pola forza. Se está asustado, pode fuxir ou reaccionar de maneira defensiva. Mantén unha distancia segura e vixía a súa posición mentres solicitas axuda.
  • Facilita toda a información posible. Indica onde o viches, como é, en que estado se atopa e se leva colar ou algunha identificación. Se podes facelo sen poñelo en risco, unha fotografía tamén pode ser útil.
  • Non o mediques pola túa conta. Algúns medicamentos son tóxicos para os gatos. Calquera tratamento debe ser indicado por un profesional veterinario.

Sara lembra que os gatos son animais territoriais e que un gato doméstico perdido pode asustarse ao atoparse con outros felinos, polo que o máis habitual é que non se achegue a unha colonia nin responda ás chamadas da súa familia. Por iso, considera fundamental actuar con prudencia, evitar que se mova do seu agocho e pedir axuda aos servizos correspondentes.

A súa mensaxe é clara: atopar un animal perdido implica unha responsabilidade. Preguntar, avisar e procurar que chegue a mans das persoas adecuadas pode evitar que unha situación aparentemente sinxela se converta nunha desaparición de varios días.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.