O Plan de Emprego da Deputación permitiu a 171 persoas do Eume incorporarse ao mercado laboral

Case un centenar de pymes e autónomos beneficiáronse das axudas do programa PEL-Emprende
7a9e9c39-39700637_2138787866162463_670703703556096000_o

Máis de 170 persoas da comarca do Eume atoparon un emprego nos últimos tres anos ao abeiro do Plan de Emprego Local (PEL) impulsado pola Deputación da Coruña. Por concellos, As Pontes foi o que maior número de empregos conseguiu, un total de 86, en Cabanas e Pontedeume lograronse empregar 27 en cada municipio, en A Capela foron 18 os beneficiados deste plan e en Monfero ata 13 personas conseguiron un novo traballo. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, deu a coñecer estes datos e destacou os bos resultados do plan nun eido coma o da creación de emprego, “que para o goberno provincial é prioritario” e nunha comarca na que é necesario “todo o apoio posible para enfrontar o problema do desemprego”.

“Os nosos obxectivos son seguir fomentando a creación de emprego estable e de calidade, especialmente nos concellos máis pequenos e rurais da provincia, axudar a fixar poboación e apoiar a inserción laboral das persoas con maiores dificultades para atopar un emprego”, afirmou González Formoso, que apuntou que o goberno provincial ultima a convocatoria dos programas PEL 2020, que se convocarán durante este mes de febreiro.

As axudas directas ao emprego do PEL articúlanse fundamentalmente a través de dúas liñas: PEL-Concellos, que financia a contratación de arredor de 500 persoas cada ano nos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes da provincia, e PEL-Pemes, que subvenciona ás pequenas empresas e autonómos ata o 75% do salario das novas contratacións.

 

Apoio a 100 empresas locais

Por outra banda, dende a súa creación en 2017, o programa PEL-Emprende beneficiou a case cen pequenas empresas, autónomos e emprendendores da área do Eume. Máis de 50 en As Pontes, 10 en Cabanas en Monfero, 17 en Pontedeume e 9 en A Capela.

O programa destina axudas a pequenas empresas, autónomos e emprendedores para a adquisición de aplicacións informáticas, maquinaria ou equipos de procesamento de información que impulsen o crecemento e modernización dos seus negocios; así como para crear tendas online, implementar plans de responsabilidade social empresarial, markéting e comunicación ou accións de expansión e exportación de produtos; impulsando así “a consolidación e modernización do tecido empresarial da provincia para facelo máis competitivo”, apuntou o presidente da Deputación da Coruña.

Relacionadas