A Deputación da Coruña investirá 1,4 millóns de euros nas obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 1802 de Veiga de Cabana a As Pontes, entre os PK 0+000 e o 8+808. Trátase dun importante proxecto que permitirá anchear e mellorar a seguridade nos 8,8 primeiros quilómetros do vial, que discorre polos núcleos de Goente e A Faeira, onde a plataforma será ampliada ata obter os 7 metros de ancho e arcéns de medio metro, o que contribuirá a mellorar a seguridade tanto da circulación coma dos peóns.
As obras, que contan cun orzamento de 1.462.425 euros, incluirán tamén a construción dun sistema de drenaxe e recollida de pluviais, a completa renovación do pavimento da estrada e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.
Ademais, nos primeiros 281 metros da estrada, onde a DP 1802 entronca coa vía principal AC-664 que conecta Cabanas e As Pontes, executaranse unha senda peonil elevada de dous metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda da calzada. Con esta actuación preténdese garantir a circulación dos viandantes en condicións de seguridade axeitadas.