As Pontes destina 18.000 euros a renovar o parque biosaludable

Novos elementos do parque
Novos elementos do parque

O Concello das Pontes investíu 17.982 euros na renovación dos equipos de ximnasia do parque biosaudable dos Xardíns do Campo da Feira. A adquisición, realizada con fondos propios, permitiu substituír os antigos elementos de exercicio xa deteriorados polo uso e as inclemencias meteorolóxicas por once novas máquinas que, dende hai uns días, están a dispor dos usuarios e usuarias.

En relación a este tema, dende o goberno municipal anunciaron que van continuar nesta liña de traballo con políticas e actividades dirixidas ao fomento da práctica deportiva ao aire libre entre os veciños e veciñas de maior idade xa que, a xuízo do executivo local, isto redunda na mellora da calidade de vida, tanto no plano físico coma no cognitivo, dos ponteses e pontesas.

Os novos elementos están ubicados no corredor que colinda coa Avenida de Ferrol e permitirán aos usuarios e usuarias traballar a flexibilidade de articulacións, a musculatura de todo o corpo, o equilibro, a forza ou a capacidade cardíaca e pulmonar. Entre as máquinas que xa están en uso neste espazo, hai elementos dirixidos a realizar exercizos de quecemento, coma os voantes ou o timón, equipos para traballar a coordinación coma o esquí de fondo ou as barras; o columpio ou o ascensor ideais para traballar as pernas, o abdome ou a capacidade cardiopulmonar e incluso un elemento de masaxe co que pechar unha rutina de traballo físico completa.

Relacionadas