A visita do influencer Vito Quiles a A Coruña este venres, 20 de novembro, xa provocou a convocatoria de mobilizacións en contra da súa presenza na cidade. O comunicador fará unha parada na Coruña dentro da súa xira ‘Tour Combativos II’, baixo o lema ‘Mafia o patria’, nun acto previsto para as 18:00 horas na praza de María Pita, no que estará acompañado polo avogado e empresario coruñés Xaime da Pena.
O anuncio da convocatoria tivo unha rápida resposta por parte de organizacións da mocidade galega, que consideran que a visita pretende dar visibilidade a discursos reaccionarios e de extrema dereita. Tanto Galiza Nova como a Coordinadora da Mocidade Socialista fixeron públicos chamamentos á mobilización para expresar o seu rexeitamento á presenza do influencer na cidade.
Varias convocatorias contra o acto
Por unha banda, Galiza Nova convocou unha concentración ás 17:00 horas na propia praza de María Pita, unha hora antes do acto de Vito Quiles. A organización xuvenil do BNG difundiu un manifesto no que chama a mobilizarse contra o que cualifica de discursos de odio, racismo, machismo e LGBTfobia.
No texto, a formación considera que a visita do influencer non busca fomentar o debate nin achegar información, senón «provocar, insultar e sementar o odio e a confrontación». Ademais, reivindica que «Galiza é antifascista, aberta, plural e orgullosa de si mesma» e anima a mocidade a responder mediante a organización e a mobilización nas rúas.
O propio Vito Quiles contestou a esta convocatoria en redes sociais, asegurando que «os faltan pelotas».
Á mesma hora e no mesmo lugar, Erguer Galiza tamén chamou a participar nunha concentración na praza de María Pita. A organización estudantil compartiu nas súas redes sociais un cartel co lema ‘FCK NZS’ e a mensaxe «Contra o fascismo, sen medo!», xunto cun chamamento a acudir este venres ás 17:00 horas. «A Coruña e Galiza antifascistas!», engadiu na publicación.
Pola súa parte, a Coordinadora da Mocidade Socialista tamén chamou a participar nunha protesta, neste caso na praza de Vigo ás 16:00 horas. Baixo a mensaxe ‘Botemos a Vito Quiles da nosa cidade’, a entidade asegurou que a mocidade traballadora estará «en primeira liña contra o fascismo».
«Vito Quiles non ten sitio na Coruña e ímolo demostrar», sinalou a organización nas súas redes sociais, desde onde tamén apelou á unidade para facer fronte aos discursos da extrema dereita.
Inés Rey anuncia que a praza estará valada
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou que a praza de María Pita estará valada durante a tarde deste venres ante a coincidencia das distintas convocatorias. A rexedora tamén se pronunciou sobre a visita de Vito Quiles, ao que definiu como un «agitador ultra que viene a esparcir su discurso de odio».
A preguntas dos medios, Rey cualificou o acto do influencer como parte do «circo» no que, ao seu xuízo, a dereita e a ultradereita quixeron introducir a cidade. «No está autorizado para estar en María Pita», afirmou.
A alcaldesa explicou que ningunha das concentracións previstas nesa praza conta coa autorización correspondente. Segundo indicou, as mobilizacións terán un espazo habilitado pola Delegación do Goberno, pero non poderán desenvolverse en María Pita. Por este motivo, o Concello procederá a valar a praza durante a tarde para evitar incidencias
