O Parlamento de Galicia reclamou onte a convocatoria urxente dunha mesa para abordar a situación da central térmica das Pontes para configurar unha folla de ruta que “garanta o futuro para as 750 familias que dependen da actividade” da planta, cuxo peche foi anunciado no mes de decembro pola compañía enerxética Endesa. Cos votos a favor de PPdeG, PSdeG e BNG saíu adiante unha proposición non de lei coa que o Parlamento de Galicia diríxese ao Goberno central para pedir que non acepte a tramitación do expediente de peche presentado pola empresa “ata que non conclúan as probas con distintas mesturas de combustibles e existan alternativas viables para o mantemento do seu emprego”.
A inicitiva foi debatida durante o pleno ordinario que este mércores tivo lugar no Parlamento galego. As únicas forzas que non apoiaron a proposición presentada polo PPdeG foron Grupo Común dá Esquerda e o grupo mixto, que acusaron aos populares de pretender “facer electoralismo” coa crise aberta na comarca das Pontes.
Na súa intervención o popular Miguel Tellado explicou que o Parlamento non se resigna ao peche dunha industria clave para a comarca do Eume. “Galicia estivo sempre comprometida coa busca dunha transición enerxética que sexa xusta e ordenada e non por o peche abrupto das centrais” incidiu o voceiro de Industria, aclarando que esta pasa por lograr unha alternativa que permita manter a actividade de Endesa mentres se buscan biocombustibles que acheguen a viabilidade necesaria para continuar a actividade.
A resolución da cámara galega pon o acento na importancia do comité técnico no que participa a Xunta, o Goberno central e a empresa, de aí a urxencia na convocatoria da mesa de traballo para acelerar na procura de solucións os traballadores e as familias afectadas, que necesitan “certezas”.
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez remarcou que a decisión de pechar a planta das Pontes é da empresa e non do Goberno central, á vez que apuntou que o seu grupo votará “sempre a favor das iniciativas que apoien o futuro da central das Pontes”. O BNG, outro dos grupos que apoiou o texto, instou á Xunta a que na mesa das Pontes senten “todos os axentes sociais” incluídas a totalidade das centrais sindicais.
Relacionado:
- Concello, Xunta e sindicatos urxen ao Goberno un convenio de transición xusta para As Pontes
- As Pontes busca alternativas ao peche definitivo de Endesa
- Paro total na central de Endesa por unha transición enerxética xusta
Discussion about this post