A Xunta explicou onte que o actual ritmo nas obras de mellora do saneamento de Pontedeume, cun investimento de 4,2 millóns de euros, permitirá finalizalas nos primeiros meses do ano 2021. A conselleira Infraestruturas e Movilidad, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo unha videoconferencia co equipo responsable deste proxecto para supervisar o seu avance e as medidas de prevención adoptadas con motivo do COVID-19.
No encontro constatouse que evolución das obras, que xa se atopan ao 20% da súa execución total, é boa e xa está a traballarse actualmente no novo colector interceptor, que terá unha lonxitude duns 1.000 metros e que xa está instalado ao 40%.
Este colector parte do paseo marítimo, cruza a estrada nacional e percorre a zona portuaria ata chegar á área do novo tanque de tormentas, onde tamén se está acometendo un baipás. O tanque de tormentas será un depósito soterrado que regulará os caudais e evitará posibles verteduras.
As obras completaranse cunha cámara anexa ao tanque de tormentas e cun bombeo que enviará ás augas á depuradora de Centroña. Ademais comezouse a executar unha parte da renovación da rede de abastecemento, no tramo afectado polas obras do novo colector.
Ethel Vázquez subliñou que os obxectivos destas obras son minimizar as infiltracións de auga mariña na rede de saneamento, reducindo as achegas de augas brancas e salinas á depuradora e a eliminación das verteduras na fachada marítima. Destacou que a intervención beneficiará aos veciños e ao sector marisqueiro da ría, que verán mellorado o servizo de saneamento e depuración e, por tanto, a calidade de vida.
A Xunta tamén segue traballando nas seguintes fases do proxecto, con novas actuacións de saneamento en Cabanas. Se o Concello axiliza os trámites necesarios para a ocupación dos terreos ante Costas, o Goberno galego licitará a finais de ano estas obras, dotadas dun orzamento de 4,2 millóns de euros.