O Concello de Pontedeume aprobou hoxe no pleno, cos votos a favor de PSOE e PP e a abstención do BNG, un modificativo de crédito con cargo ao remanente municipal de preto de 300.000 euros para diferentes obras e actuacións que mellorarán os servizos e infraestruturas da vila.
“Con este modificativo de crédito poderemos utilizar parte do noso remanente nestas obras e na adquisición de diferente material, dando resposta ademais ás demandas veciñais”, explica Daniel Ríos, concelleiro de Obras de Pontedeume.
En concreto, se procederá á pavimentación das rúas Valeriano Villanueva e O Picho; a ampliación do camiño que vai desde A Graña a Figueirido (Nogueirosa); e a instalación de novos puntos de luz con tecnoloxía LED nas parroquias.
O concello mercará tamén xogos para o novo parque infantil de Ombre; mesas e cadeiras para o seu uso por parte das entidades culturais e deportivas da vila; instrumentos para o local de ensaio, e dous parquímetos para a posta en marcha de zona azul na praza do Conde e no aparcadoiro da entrada á vila ao carón do Casa do Mar.
Por último, repararase o peche perimetral da pista polideportiva do parque Sarmiento. Todos estes investimentos se realizarán cando o concello conte coas autorizacións sectoriais pertinentes e licite os contratos das obras.
“Desde que chegamos ao goberno no ano 2015, comezamos un plan para renovar de forma continua os servizos e infraestruturas públicas do concello, con actuacións en todas as parroquias e no casco urbano”, engade o alcalde, Bernardo Fernández.
Discussion about this post