A UDC coordina desde Ferrol un proxecto europeo para implantar a materia de Inteligencia Artificial en Bacharelato

O obxectivo é elaborar un plan de estudos adaptado á educación preuniversitaria
Proxecto_AI+

Profesorado e persoal técnico vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) e adscrito tamén ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña está a coordinar desde o Campus de Ferrol o proxecto europeo de innovación educativa  AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School.

O obxectivo final deste proxecto é o de elaborar un plan de estudos para unha futura materia de Intelixencia Artificial (IA) adaptado á educación preuniversitaria en Europa ou, o que é o mesmo, para estudantes de Bacharelato. Logo dunha pequena pausa por mor da crise sanitaria da Covid -19, o profesorado e persoal técnico da UDC retoma novamente a actividade para avanzar neste proxecto.

Para poder levar a cabo o proxecto AI+, a Universidade da Coruña conta coa colaboración de seis socios, todos eles seleccionados en base á súa experiencia previa en proxectos europeos Erasmus+ e á súa traxectoria en innovación educativa. Trátase de seis centros de ensino secundario e de bacharelato de cinco países europeos distintos: o 2IIS A-Ruiz (Italia), o Viesoji istaiga Panevezio Profesinio Rengimo Centras (Lituania), o CPI A Xunqueira (Fene), o Solski center Velenje (Eslovenia), o Joensuun yhteiskoulun lukio (Finlandia) e o IES David Buján (Cambre).

Dada a súa ampla experiencia no eido da investigación e na ensinanza da IA e mais da robótica intelixente será o profesorado e persoal técnico do GII do Campus Industrial quen redacte as unidades didácticas que conformarán o plan de estudos, testee co alumnado dos seis centros implicados eses documentos de traballo e quen tamén redacte o proxecto final para a súa implantación en toda Europa.

370.000 euros e tres anos 

O Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) concedeulle este proxecto de innovación educativa á Universidade da Coruña en decembro do ano pasado. AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School ten unha duración de tres anos e conta cun financiamento de 371.512 euros, o maior de todas as concedidas na convocatoria K201 (educación escolar) en 2019.

Desde o GII aseguran que este proxecto constitúe unha grande oportunidade para o Campus de Ferrol, para a UDC e tamén para o sistema educativo galego xa que lles permitirá posicionarse como referente en innovación tecnolóxica en España e Europa. Grazas a esta iniciativa, a UDC liderará a creación dun plan de estudos para unha materia que terá unha gran demanda nos próximos anos en todo o mundo.

A idea de levar a cabo este proxecto xorde do “Plan coordinado sobre o desenvolvemento e uso da Intelixencia Artificial Made in Europe” (2018), un documento da Comisión Europea que insta á creación dun Plan de Intelixencia Artificial en todos os estados membros co obxecto de situar á Unión Europea nunha posición privilexiada nesta revolución tecnolóxica.

A partires deste plan, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades publicou en 2019 a “Estratexia Española para I+D+i en Intelixencia Artificial”, un texto no que se incide na necesidade de avanzar na educación preuniversitaria en IA.

Relacionadas