A Asociación de Empresarios Ferrolterra conta desde onte cun novo presidente; o empresario Ángel Torreiro Freire faise cargo da Presidencia da AEF ata o ano 2022, en que finalizará o mandato da actual Xunta Directiva.
A Xunta Directiva da AEF, seguindo o establecido polos estatutos que rexen a entidade, en reunión celebrada onte nomeou por unanimidade, e de entre os seus membros, ao novo presidente, Ángel Torreiro Freire, que releva na dirección da Asociación a José Ramón Franco Caaveiro, e será o terceiro responsable á fronte da entidade desde a súa constitución no ano 1992. Anxo Torreiro forma parte da Xunta Directiva da Asociación desde o ano 2006 e é xerente da empresa Priorauto, S.L., que desenvolve a súa actividade no sector da automoción.
Nesta nova etapa, Anxo Torreiro, pretende dar continuidade e impulsar a actividade da asociación. Así, na reunión de onte xa se estableceron diferentes obxectivos e actuacións para os próximos meses, que abordarán aspectos como unha mellora dos servizos que se prestan, incremento da actividade que vén desenvolvendo, fomento do asociacionismo e representatividade da entidade, e en xeral colaborar na procura do mellor futuro posible para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Con este nomeamento, a Xunta Directiva elixida na reunión da Asemblea Electoral do ano 2018, queda reorganizada de forma que ostentarán o cargo de presidente, Ángel Torreiro Freire (Priorauto); vicepresidentes, Benjamín Teijeiro Menéndez (Correduría Narónsegur), Manuel Villadóniga Amor (Electro Rayma) e Carlos Moreira García (Camoga); secretario, Juan Rodríguez Díaz (Camuyde); tesoureiro, José Manuel González Casas (Tideco); contador, Juan Luis Gómez Vázquez (Landra Sistemas) e vocais Enrique González Calvo (Tideco Asesoría Administrativa), Santiago Cagiao Martínez (Talleres Alca), José Ramón Torreiro Galán (Recambios Torreiro), Juan José Feal Gonzalez (Cocinas Feal), Nonito Aneiros García (Neodyn) e Eugenio Eiranova Tenreiro (Repuestos Eiranova).