A Rapa das Bestas volveu situar a Serra de Cedeira como epicentro da tradición galega. O evento, xa consolidado como unha cita imprescindible no calendario, arrincou nas primeiras horas da xornada co descenso das bestas dende o monte a cargo de gandeiros e colaboradores. Xa no curro habilitado para a ocasión, desenvolveuse o momento máis esperado: a rapa.

Os aloitadores empregaron técnicas tradicionais e sen axuda de ferramentas para inmobilizar as bestas e proceder ao corte de crinas, desparasitado e revisión sanitaria. Trátase dunha práctica que require experiencia e coordinación, e que segue transmitíndose de xeración en xeración.
Ademais do seu valor cultural e simbólico, a Rapa das Bestas cumpre unha función esencial no mantemento destas mandas en liberdade. A revisión periódica dos animais resulta clave para garantir o seu benestar e contribuír á conservación do cabalo galego, unha raza estreitamente vinculada ao territorio.
A elevada asistencia de público foi outra das notas destacadas da edición. O evento consolídase así tamén como un importante atrativo turístico para a comarca. Os organizadores subliñan a necesidade de preservar esta práctica, non só como celebración festiva, senón como parte do patrimonio e como ferramenta de equilibrio ambiental.
