Cedeira volverá converterse este mes de xullo nun escenario para a música lírica coa celebración da quinta edición da Ópera Studio, que este ano amplía o seu formato e evoluciona cara a un festival con concertos e actividades repartidas por distintos espazos do municipio. A programación desenvolverase entre o 8 e o 22 de xullo e reunirá a 30 participantes, seleccionados entre aspirantes procedentes de diferentes puntos de España e do estranxeiro.
O proxecto combina formación e creación artística coa intención de dar visibilidade ás novas voces da lírica, ao tempo que achega este xénero ao público a través dunha programación aberta.
Coronis, protagonista da edición
O eixo central da Ópera Studio será a preparación e representación de Coronis, unha obra composta arredor do ano 1700 por Sebastián Durón. A peza mestura referencias á mitoloxía clásica cunha lectura satírica do enfrontamento entre os Habsburgo e os Borbóns polo control da Coroa española.
A representación terá lugar o 22 de xullo no Auditorio Municipal, como peche dunha programación que incluirá tamén ensaios, actividades formativas e diferentes propostas musicais.
Concertos nas rúas e nas parroquias
A programación arrancará o 8 de xullo cun recital inaugural protagonizado por un quinteto de trombóns integrado por músicos de Cedeira ou vinculados á vila que desenvolven a súa carreira en orquestras profesionais.

Ao longo das dúas semanas celebraranse tamén concertos nas igrexas de Piñeiro, Santalla e San Román, ademais de varios recitais polo casco histórico previstos para o 19 de xullo. O día 20 será a quenda dun concerto de arias de ópera acompañado pola Banda de Música Vila de Cedeira.
Formación para novos talentos
A vertente formativa continuará a ser unha das señas de identidade da Ópera Studio. Ademais da montaxe de Coronis, o alumnado preparará repertorio para grupos de cámara, que protagonizarán parte dos concertos programados durante o festival.
A dirección musical volverá estar a cargo de Magna Herrera, mentres que Marcos Vieitez asumirá a dirección escénica. O equipo docente complétase con Xurxo Varela e Marina García Bouso.
