Xaquín María Baltasar del Valle-Inclán Alsina, neto do escritor Ramón María del Valle-Inclán e unha das principais figuras na investigación e divulgación da súa obra, faleceu aos 73 anos en Santiago de Compostela, a cidade na que naceu en 1953 e na que residiu durante toda a súa vida.
Profesor, escritor, crítico literario e investigador, desenvolveu unha extensa actividade arredor da figura do seu avó, contribuíndo á recuperación de textos, á edición das súas obras e ao estudo da súa biografía. Un dos seus traballos máis destacados foi a publicación, en 2015, de ‘Ramón del Valle-Inclán. Genial, antiguo y moderno’, unha biografía na que repasou os principais episodios da vida do autor e afondou na súa relevancia literaria.
Licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela, exerceu durante anos como docente nun instituto de Formación Profesional da Estrada. A súa experiencia no Sáhara Occidental en 1975, durante o servizo militar e no contexto da Marcha Verde, deixou pegada na súa primeira obra narrativa, ‘Historias de la ciudad del desierto’, publicada en 1988. Tratábase dun libro de carácter experimental e estética neovangardista que destacou pola súa particular construción literaria.
A súa produción continuou con ‘La playa de lastres’ (1995), escrita xunto a Manuel Pérez Mahía, e cos libros de relatos ‘Las clases de magia’ e ‘Los caminos del más acá’, publicados en 2002.
Unha vida dedicada ao legado de Valle-Inclán
A súa achega á investigación valleinclaniana foi máis alá da biografía. Xaquín del Valle-Inclán encargouse de revisar, recuperar e editar parte da produción do seu avó, incluídos textos que permanecían dispersos en publicacións xornalísticas. Ese labor quedou reflectido en obras como ‘Varia’ (1998), que recompilou colaboracións en prensa, relatos, poesía e teatro, así como en ‘Ramón del Valle-Inclán y la imprenta’ e ‘Valle-Inclán inédito’.
Colaborador habitual da revista ‘Cuadrante’, especializada nos estudos sobre o escritor, tamén presidiu a Asociación Amigos de Valle-Inclán e converteuse nun dos investigadores máis recoñecidos da súa traxectoria biográfica e bibliográfica.
A súa vinculación co Barbanza e, especialmente, coa Pobra do Caramiñal foi tamén moi estreita. Participou activamente na conservación e difusión do patrimonio familiar e facilitou a incorporación de diversas pezas de gran valor histórico aos fondos do Museo Valle-Inclán da localidade.
A institución cultural trasladou nas súas redes sociais o seu pesar pola perda, destacando o seu compromiso coa memoria do escritor e a súa colaboración para enriquecer o patrimonio que custodia o museo. Definiuno como unha persoa fundamental para a difusión do legado familiar e para manter viva unha visión crítica da biografía de don Ramón.
Pola súa banda, o Concello da Pobra do Caramiñal expresou as súas condolencias á familia e ás persoas achegadas e agradeceu a implicación de Xaquín na preservación deste patrimonio. A Administración local subliñou que a súa contribución permitiu ampliar os fondos da institución e reforzar a memoria do autor. O funeral celebrouse o pasado luns ás 15.00 horas no tanatorio Albia Boisaca, en Santiago de Compostela.
