Máis de 150 persoas participan no IV Foro dos Vivos sobre o Camiño a Santo André de Teixido

O encontro reuniu en Porto do Cabo charlas, música, obradoiros e degustacións arredor da tradición milenaria da peregrinación a Teixido
Imaxe dos participantes no Foro dos Vivos | Concello de Cedeira
Imaxe dos participantes no Foro dos Vivos | Concello de Cedeira

Máis de 150 persoas participaron esta fin de semana na cuarta edición do Foro dos Vivos, un encontro celebrado en Porto do Cabo para afondar no coñecemento e na experiencia da tradición milenaria de peregrinar ata Santo André de Teixido. Durante dúas xornadas, o programa combinou divulgación, cultura e participación, con charlas, obradoiros, degustacións e unha ruta a pé ata o santuario.

O foro, que habitualmente se celebraba no mes de novembro, trasladouse nesta ocasión a setembro, un cambio de datas que, segundo a organización, contribuíu a incrementar a participación. As actividades desenvolvéronse nunha carpa instalada xunto á capela da Virxe do Camiño, nun encontro impulsado por Eufundevivo e que conta co respaldo da Deputación da Coruña e coa colaboración de diferentes entidades e concellos.

Tradición oral, música e patrimonio

A xornada do sábado comezou coa intervención da actriz e contadora Soledad Felloza, que abordou a relación entre a narración oral e as peregrinacións, achegando exemplos doutras rutas do mundo para posteriormente centrarse no Camiño a Santo André de Teixido.

A continuación, as cedeiresas Sandra e Sara Novais ofreceron un percorrido pola música vinculada aos camiños de Santo André, combinando a interpretación de diferentes pezas cun estudo da tradición musical asociada á peregrinación.

Tras a pausa para o café, Loli Rubido, fundadora da empresa Roteiros, centrou a súa intervención no papel das pedras nos itinerarios de peregrinación, desde diferentes exemplos internacionais ata os coñecidos amilladoiros de Teixido.

O ciclo de relatorios pechouse coa intervención de Sergio Muíño, impulsor de Eufundevivo e investigador e dinamizador de Santo André de Teixido, que abordou o presente e o futuro do camiño.

O primeiro Premio dos Vivos

Un dos momentos destacados do encontro foi a entrega do Premio dos Vivos, un recoñecemento creado polo propio foro para distinguir persoas ou entidades que traballan pola conservación, o coñecemento e a difusión das tradicións relacionadas coa peregrinación a Santo André.

Na súa primeira edición, o galardón foi para Loli Rubido, precisamente polo traballo desenvolvido durante anos desde a empresa Roteiros para impulsar e dar a coñecer o camiño.

O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e da primeira tenente de alcalde, María Xosé Pernas. O rexedor puxo en valor o traballo de Eufundevivo e do seu promotor, Sergio Muíño, así como da Asociación de Veciños de Porto do Cabo, destacando o papel da veciñanza na conservación das tradicións e dos camiños.

Unha feira de romeiros e os tradicionais sanandresiños

A programación completouse cunha recreación da antiga feira de romeiros por parte da Asociación de Veciños de Porto do Cabo. O espazo incluíu unha antiga taberna decorada con fotografías e recortes de prensa relacionados co camiño.

As persoas participantes puideron coñecer tamén parte da tradición gastronómica asociada ás peregrinacións, cunha degustación na que estiveron presentes as tradicionais “caldupeiras”, mulleres que ofrecían caldo aos romeiros, ademais de queixos, empanadas e outros produtos da zona.

Pola tarde celebráronse dous obradoiros, un de cerámica e outro de miga de pan, no que as persoas participantes elaboraron os tradicionais sanandresiños.

Ruta a pé ata Santo André

O programa rematou o domingo cunha ruta a pé desde Porto do Cabo ata Santo André de Teixido. Unhas 25 persoas participaron nesta actividade, guiada por Nela Fernández, da empresa Roteiros Lexendarios.

Á chegada a Teixido, o grupo realizou unha visita guiada polo núcleo con Sergio Muíño antes de regresar en autobús ao punto de partida.

En total, as charlas do sábado reuniron arredor de 90 persoas, mentres que os dous obradoiros superaron as 40 inscricións, ás que se sumaron as persoas participantes na ruta do domingo, configurando unha cuarta edición que volveu poñer no centro a tradición, o patrimonio e a memoria dos camiños de Santo André.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.