Iniciado xullo, os concellos integrados no proxecto de xeoparque intensifican a programación de xeorrutas con seis saídas que se desenvolverán este mércores e máis o sábado e o domingo.
A primeira é a das Praias das areas negras que baixa até Teixidelo, en Cedeira, para sorprenderse coa extraordinaria aparencia do areal, único no mundo, e cos fenómenos xeolóxicos que o orixinaron. Ten 15 prazas e desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas.
Trátase dun percorrido de dificultade alta que require bo estado de forma e roupa e calzado adecuados. Tamén é altamente recomendable levar vara ou bastón, protección solar, auga e algo de comer (froita, barras enerxéticas, mellor algo lixeiro).
O sábado pola mañá, no mesmo horario, será a Xeorruta de Limo, no concello de Cariño. Dispón de 20 prazas e trátase dun percorrido que discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer a zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente.
Pola tarde, de 16:30 a 20:30, é o turno da xeorruta do Cromo, que irá dende preto de Santo André até o miradoiro de Garita de Herbeira.
A ruta matutina do domingo -a Xeorruta dos Penidos– leva en Ortigueira ao lugar de interese xeolóxico de relevancia internacional (Geosite) situado na marxe sur da Serra da Capelada, previo paso polo Pozo do Inferno e a Fervenza do Casón.
A oferta de percorridos complétase de novo en Cedeira cun itinerario de baixa intensidade -a Xeorruta do Litoral– relativamente preto da vila.
Discussion about this post