Cita previa e un código QR para ir á praia desde o vindeiro luns

A proposta do executivo de Feijoo, denominada "Praias Seguras", poñerá ao dispor dos concellos unha plataforma para xestionar o aforo e a seguridade dos areais
M.F.
M.F.

A Xunta de Galicia poñerá ao dispor dos concellos a plataforma Praias Seguras de Galicia para facilitarlles a xestión do acceso dos cidadáns aos areais este verán. Esta ferramenta permitirá aos cidadáns obter unha acreditación para acceder a unha praia determinada nunha data seleccionada, cun mecanismo similar ao empregado na praias das Catedrais.

A plataforma integrará a información do catálogo galego de praias do Instituto de Estudo do Territorio, que ofrece información xeográfica de cada areal para poder determinar a súa capacidade de carga máxima.

Nos próximos días a Xunta presentará a plataforma á FEGAMP para que aqueles concellos interesados en empregala poidan adherirse ao seu uso a través da firma dun convenio. O obxectivo é facilitar mecanismos de apoio para poder afrontar en condicións de seguridade a previsible afluencia ás praias durante o verán e establecer á vez medidas que procuren evitar a propagación do COVID-19.

En concreto, a Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, dispón do visor do Catálogo de Praias de Galicia, que permite obter datos sobre a superficie exacta de cada areal e outra información moi valiosa para poder determinar a súa capacidade de carga ou ocupación máxima, en función dos criterios que se fixen por parte do Goberno do Estado.

Fai falta precisar que a comunidade conta con 960 praias que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie. Nas comarcas, o Eume conta con 11 praias, Ferrol ten 68 areais e Ortegal 36. En canto ao aforo máximo das praias galegas, está calculado nun total de 939.520 persoas, un dato interesante se se analiza praia por praia debido a que pode axudar a calcular un determinado grao de ocupación.

Desde a Xunta explicaron que “sería extremadamente favorable para Galicia utilizar un criterio estándar” xa que permitiría actuar de forma coordinada e en base a un modelo común para calcular os aforos, evitando así disparidades na xestión das distintas praias que poderían ocasionar “confusión” entre os usuarios.

Galicia, destino seguro

Esta medida enmárcase na aposta da Xunta por impulsar Galicia como un destino “fiable e de calidade” para favorecer a recuperación do sector turístico e garantir a seguridade dos traballadores e usuarios.E é que co novo escenaro global, vai ser máis necesario que nunca posicionar a Galicia como un destino seguro “non só a nivel nacional e internacional, senón entre os propios galegos”. Para logralo, a Xunta insistiu na importancia de actuar “coa máxima anticipación”, tomando as medidas precisas con rigor e axilidade para minimizar o impacto económico da crise e favorecer a reactivación do turismo galego.

Relacionadas