O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, recolleu onte á tarde na Delegación do Goberno en Galicia 10.000 máscaras de protección que o Concello distribuirá ao longo dos próximos días. A subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, foi quen lle fixo entrega destes equipos que xa foron trasladados ao centro loxístico creado no antigo Hospicio ao inicio da crise epidémica da covid-19.
O departamento de Seguridade encargarase do reparto, que está previsto que chegue aos establecementos comerciais que están abertos ao público. Estas entregas únense ás que Policía Local, Bombeiros e voluntarios de Protección Civil estiveron a facer en diferentes ocasións ao longo das últimas semanas entre centros hospitalarios, institucións sociais, traballadores de servizos esenciais e, entre outros colectivos, usuarios do transporte público.
Reparto de EPI
Ademáis, onte pola mañá o Concello entregou á Cociña Económica preto de 600 EPI para que o próximo luns poida retomar o reparto de menús aos seus usuarios, paralizado desde o 26 de marzo. En total entregáronse un total de 60 máscaras FFP2 —solicitadas polo Concello á Xunta—, 125 máscaras cirúxicas, 60 buzos, 10 pantallas faciais, 12 botes de 200 ml de hidroxel e 300 pares de luvas despois de que o centro social mostrara a necesidade de contar con material de protección individual para poder retomar a entrega das bolsas cos menús.
Discussion about this post