A concellería de Benestar Social organiza para este sábado, 19 de novembro, a actividade Xogando co Atletismo na Infancia, para a que conta coa colaboración do Club Ferrol Atletismo, o proxecto Proinfancia e diversas entidades da cidade. O horario previsto é de 12:00 a 13:30, e o lugar elixido é a praza do Inferniño. No caso de que choiva, trasladarase ao pavillón do CEIP Ángela Ruíz Robles.
A iniciativa, posta en marcha con motivo do Día Mundial da Infancia, que se conmemora o 20 de novembro, inclúe probas de salto de lonxitude, salto lateral, lanzamento de xavelina, lanzamento de peso, carreira de velocidade e carreira de valos. Está prevista a participación de máis de 150 nenas e nenos, e o obxectivo é promover a actividade en rúas e espazos públicos.
A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou que con este tipo de actividades preténdese recuperar o deporte de nenas e nenos nos espazos públicos, así como incidir na aposta do goberno local pola inclusión plena a través do deporte.
Discussion about this post