Uns 2.000 traballadores de Navantia Ferrol e das empresas auxiliares volveron manifestarse hoxe polas rúas da cidade para demandar carga de traballo, ante a finalización das obras contratadas e a falta de novos encargos a curto prazo ata o inicio da construción das fragatas F-110 para o ano 2022.
O presidente do comité de empresa, Javier Galán, insistiu na demanda dos traballadores de iniciar unha obra dun buque que xa estea deseñado para acelerar os plazos e lembrou que a propia compañía pública “contemplaba no seu Plan operativo a construción dun buque AOR para a Armada”. “Válenos un barco destas características ou doutras, pero o que non imos permitir é que a totalidade dos traballadores das empresas auxiliares deste centro sexan despedidos a partir do mes de maio ou xuño cando se entreguen os dous buques AOR para Australia”, sostivo o presidente do comité.
Novas incorporacións
Sobre o proceso de novas incorporacións, Galán detallou que levaron “unha sorpresa” despois de que a directora de Recursos Humanos nos dous estaleiros de Navantia na ría de Ferrol “aceptase todos e cada un dos requisitos que se expuñan”, tras meses de desencontros.
“Aceptan que nós esteamos presente no proceso das reclamacións presentadas polos aspirantes aos postos ofertados, cun período para presentar alegacións, onde tamén se publicará unha lista de admitidos e excluídos, comunicando de maneira persoal a cada un destes o motivo de ser rexeitado; tendo tamén os representantes do traballadores acceso a esta documentación”.
Galán trasladou que van “esixir que se aceleren os prazos para a incorporación das novas 53 prazas para o ano 2020”.
Discussion about this post