O CHUF activa un segundo punto de recollida de mostras do Covid no Novoa Santos

Comezará a funcionar mañá martes, en horario de mañá, e servirá para realizar o seguimento epidemiolóxico de novos casos e sospeitas nesta nova fase
controlcovid2

A Área Sanitaria de Ferrol activou un segundo Punto Fixo de Toma de Mostras relacionadas co Coronavirus-Covid-19 no recinto do Hospital Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Este sistema increméntase para dar resposta tanto as probas que hai que realizar ás persoas que teñen unha actividade programada necesaria, como para o seguimento epidemiolóxico de casos novos e sospeitas nesta nova fase.

É necesaria unha cita previa en ámbolos dous casos, a persoa neste punto foi previamente atendida, prescribíuselle a proba, e déuselle unha cita. Igual que sucedeu coa activación do primeiro dos puntos, é necesario que proba se prescriba no marco dos criterios establecidos nos protocolos, e quedará rexistrada a asistencia na historia clínica electrónica do paciente.

O segundo punto fixo de toma de mostras do Hospital Novoa Santos arranca mañá martes inicialmente só en horario de mañá, e súmase ó punto fixo que xa funcionaba ata o de agora, en horario de mañá e tarde, dende as 08:30 ata as 21:00, e as persoas citaranse con intervalos de tempo entre cada unha delas.

Cando se activaba este Punto Fixo no Novoa, o pasado 23 de marzo, eran un total de dez profesionais (cinco equipos formados por enfermeira e Técnica de Coidados Auxiliares de Enfermaría) os que se distribuían para acudir ós domicilios e atender este punto. O sistema estaba preparado para se ampliar de ser necesario. Na actualidade, xa son 21 os profesionais, nove os equipos de dúas persoas destinadas á realización de mostras, e tres profesionais de Enfermaría para o ámbito dos profesionais. O novo sistema segue a estar coordinado polo grupo de persoas do Centro de Coordinación de Coronavirus formado por profesionais sanitarios e non sanitarios.

O Sergas apuntou que tódalas medidas teñen como obxectivo garantir a protección da poboación fronte ó coronavirus e preservar os recursos sanitarios dispoñibles. Dende a Área Sanitaria de Ferrol, reiterar novamente o agradecemento pola implicación, traballo, responsabilidade e compromiso de cada un dos profesionais sanitarios e non sanitarios neste excepcional contexto. Tamén un agradecemento especial para a poboación, á que se lle recorda que non pode baixar a garda. É necesario ser moi rigoroso co lavado de mans e o mantemento da distancia social.

Relacionadas