O Museo da Construción Naval reabrirá ao público mañá martes, día 3 de marzo, no seu horario habitual de 10.00 a 20.00 horas, despois da remodelación acometida na súa planta baixa. Entre outros cambios recolocáronse as diferentes embarcacións de madeira e os autómatas que permiten ao público coñecer o funcionamento dos barcos interactuando con estes artefactos.
Tamén se colocou na exposición unha áncora que ata o de agora estaba no almacén e realizouse un tratamento de limpeza e restauración dos leóns que presiden a entrada ao museo e que son dúas figuras do século XVIII que proceden das denominadas “Bancadas do Apostolado” do vello estaleiro de Esteiro. A recreación de frágua que tamén está situada no acceso ao museo recibiu igualmente un tratamento de limpeza. Ademais, quedou instalada unha gran peza de madeira calafateada antiga trasladada desde o Arsenal, que posiblemente cumpriu no seu día a función de porta dun dique.
Todos estes traballos prolongáronse desde o día 17 de febreiro, data na que o museo permaneceu
pechado. Herrerías recibirá no seu primeiro día de apertura dúas visitas de centros formativos. Alumnado do London Insitute percorrerá a sala de Gálibos e a primeira planta, onde se recolle toda a historia dos estaleiros locais. Tamén se desprazarán a coñecer a exposición de Herrerías o mesmo día estudantes de 4º curso da ESO do IES de Vedra.
Discussion about this post