O corpo de Bombeiros de Ferrol comezou na tarde de onte a limpar e desinfectar en profundidade con hipoclorito sódico os exteriores das dependencias con maior afluencia de persoas nestes días de confinamento tras decretar o Goberno central o estado de alarma.
Unha cuadrilla de tres efectivos dotados con equipos de protección individual e un camión bomba pulverizará a diarios os accesos dos ambulatorios de Serantes, Caranza e Praza de España, centros hospitalarios, as tres residencias de maiores da cidade, o albergue Pardo de Atín, o Edificio Social da rúa Sánchez Barcáiztegui, os arredores dos xulgados e do pazo municipal, o centro de Cáritas, a carpa que o instalou esta mesma semana na praza de España para albergar o reparto de menús aos usuarios da Cociña Económica e o cuartel da Policía Local, entre outros.
Onte mesmo, preto das seis da tarde, tres efectivos dos bombeiros iniciaron esta nova tarefa de limpeza e desinfección dos accesos e arredores do mercado e ambulatorio de Caranza, do Fontenla Maristany e das inmediacións da carpa. Ao longo do día de hoxe hixienizaron as inmediacións do mercado da Magdalena, das residencias de maiores, os xulgados, o Edificio Social e o centro de Cáritas.