As corporacións municipais de Ferrol e Narón celebraron onte sendos plenos nos que se aprobaron, entre outras medidas, unha declaración institucional en relación coa crise do Covid-19 co respaldo de tódolos grupos políticos.
No pleno de Ferrol, a declaración institucional quixo render unha especial homenaxe ás «24.275 persoas falecidas, das que 27 eran da nosa área sanitaria, vítimas desta terrible pandemia e mostrar o seu profundo pesar e o seu apoio ás familias que están a padecer a perda irreparable de seres queridos». Os grupos tamén quixeron manifestar «a súa gratitude ás persoas que nestes momentos cruciais prestan servizos esenciais, especialmente ao persoal sanitario» e recoñecer «o esforzo á poboación pola súa maioritaria mostra de responsabilidade durante as difíciles semanas de confinamento».
A sesión plenaria tamén serviu para aprobar outros asuntos como á subvención nominativa da área de Seguridade á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol por un importe de 30.000 euros.
Na declaración institucional de Narón os grupos políticos da corporación local recoñeceron o labor da cidadanía de Narón, polo seu comportamento “de maneira excepcional durante o período do estado de alarma atendendo ás medidas e recomendacións de modo xeral no Concello”. No documento agradécese á sociedade naronesa “polo exemplo que está a dar na situación de alerta sanitaria pola pandemia da Covid-19”, ao tempo que se fai un chamamento para que continúe cumprindo as normas establecidas polo Goberno central ao respecto.
Finalmente, a corporación agradece o traballo esencial que realiza o persoal do Concello e tamén traballadoras e traballadores externos “que están a facilitar a diario o día a día dende un punto de vista social, asistencial e administrativo”.
No pleno aprobouse ademais unha moción sobre medidas do sector do mar, gravemente afectado pola crise do coronavirus, presentada polo BNG. No documento, que contou co respaldo do goberno local, reclámase a implicación da Consellería do Mar para utilizar os fondos de pesca da UE, declarar a paralización das actividades de marisqueo e a posta a disposición das confrarías de axudas que permitan garantir a súa actividade normal unha vez rematado o estado de alarma.
