A curva de contaxiados polo coronavirus segue descendendo na área sanitaria de Ferrol. Os últimos datos ofrecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública informan de que o número total de casos activos nas tres comarcas é de 124 persoas, dous menos que onte. Tamén descende o número de hospitalizacións ata os 9 casos en planta e 4 na UCI. O resto de casos activos, 111, pasan a corentena en illamento domiciliario.
Estas cifras teñen unha lectura aínda máis positiva e é que un total de 410 persoas que foran diagnosticadas desde o inicio da crise con Covid-19 xa superaron o virus o recibiron a alta epidemiolóxica. Estas persoas poderían saír do confinamento sen temor a contraer de novo a infección nin a contaxiar a outros mentres lles dure a protección do seu sistema inmunitario. Canto durará esta protección é por agora un incógnita pero, se se toma a resposta inmunitaria contra outros virus como referencia, debería durar como mínimo varios meses.
Respecto das vítimas mortais, o pasamento de onte á última hora da tarde eleve a 32 o número de persoas falecidas polo Covid-19 na zona. Tres de elas morreron en residencias de maiores e o resto nos centros hospitalarios de Ferrol.
Discussion about this post