A Xunta de Galicia decidiu prolongar a época de alto risco de incendios forestais ata o 31 de outubro, ante unhas condicións meteorolóxicas que seguen favorecendo a aparición e propagación do lume. A resolución da Consellería do Medio Rural publícase este mércores no Diario Oficial de Galicia.
Con esta ampliación, o operativo de prevención e extinción continuará en garda durante o que resta de mes, mentres se manteñan unhas circunstancias que requiren especial precaución.
Como avisar se detectas un incendio?
A Xunta lembra que a cidadanía pode chamar ao 085, o teléfono gratuíto habilitado para alertar da presenza de incendios forestais.
Tamén está dispoñible a aplicación ALume, que permite comunicar incidencias relacionadas co lume.
Ademais, quen teña coñecemento ou sospeitas de actividades delituosas relacionadas coa provocación de incendios pode denuncialas de maneira anónima no teléfono 900 815 085.