O Concello de Mugardos dispón xa dun atomizador de 1.500 litros de capacidade para a desinfección de rúas e espazos públicos abertos, nun intento da administración por poñer en marcha o máximo número de medidas preventivas ante a pandemia de coronavirus. Esta nova ferramenta amplía o operativo de limpeza das rúas que garante a seguridade e saúde dos veciños e veciñas.
Os traballos de desinfección comezan hoxe en Franza, San Xoán e O Seixo, e farano ás 15.30 horas ata as 19.30 horas. Co fin de facilitar a tarefa co atomizador e evitar molestias aos veciños e veciñas, rógase que non deixen os vehículos aparcados en lugares que poidan dificultar as manobras da maquinaria e pechen xanelas e portas. Para ir avisando á poboación, irase anunciando por megafonía a chegada.