Narón destina máis de 160.000 euros ao desbroce de parcelas municipais

O goberno local adxudicou este novo contrato con vixencia de dous anos para actuar en máis de 150.000 metros cadrados
limpieza

O Concello de Narón destinará 160.000 euros ao contrato dos traballos de desbroce de parcelas municipais non axardinadas durante os dous vindeiros anos, con posibilidade de prórroga. A maiores dos traballos contemplados neste contrato, o goberno local reforzou o servizo de limpeza viaria con dúas cuadrillas, unha en quenda de mañá e outra de tarde, que se encargan de retirar as herbas das beirarrúas, tal e como recordou a rexedora local.

“En total a superficie sobre a que se realizará o mantemento será de algo máis de 150.000 metros cadrados, repartidos en medio cento de parcelas de diferentes superficies localizadas tanto na zona urbana como no rural naronés”, indicou a alcaldesa Marián Ferreiro. Entre os terreos están as inmediacións dos centros cívicos sociais municipais, dos centros de saúde do Val e Pedroso, parcelas no polígono de Río do Pozo, zonas verdes na Gándara e Freixeiro ou inmediacións de escolas infantís municipais ou escolas rurais como a de Pedroso, tal e como se contempla no contrato.

O importe anual do contrato será de 79.968 euros que durante este 2020 executarase con cargo a 53.312 euros; ascenderá aos mencionados 79.968 euros o vindeiro ano e, finalmente, a 26.656 euros para os meses de decembro de 2021 a marzo de 2022, incluído este último.

 

Relacionadas