O concello de Narón iniciu hoxe unha campaña de reparto de cubrebocas entre os residentes no municipio a través dos voluntarios de Protección Civil. A entrega dos primeiros 5.000 cubrebocas que realizaron desinteresadamente homes e mulleres do municipio con material doado por empresas e particulares continuará esta semana en varios establecementos de alimentación da cidade. Así o avanzou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que explicou que a través de persoal voluntario de Protección Civil repartiranse esta semana unhas 3.000 unidades de cubrebocas para promover a autoprotección da veciñanza, un dos obxectivos da campaña municipal “Usando o cubrebocas eu protéxoche, ti protéxesme”.
Na xornada de mañá está previsto repartilos no supermercado Covirán de Xuvia, na cooperativa do Val e na cooperativa de San Mateo. Así mesmo, o mércores continuarase no Froiz de Freixeiro, no supermercado Familia de Santa Icía e no Gadis da estrada de Cedeira; o xoves será no Froiz e no Gadis de Santa Icía e no Eroski da Gándara e o venres no Froiz da Gándara e no Mercadona, tamén da Gándara, completando deste xeito as reparticións que xa se fixeron no Froiz do Centro Comercial Narón e en diferentes establecementos da cidade abertos durante o estado de alarma. En todos os casos, tal e como avanzou Ferreiro, a entrega se relizará entre as 10.30 e as 13.00 horas.
Os cubrebocas realizados polos voluntarios e voluntarias son reutilizables, realizados con teas de algodón e levan incorporado un filtro de polipropileno para impermeabilizalos. A maiores, entréganse unha vez que se lavaron a temperatura elevada e dentro de bolsas herméticas, con todas as garantías de hixiene que se requiren nestes casos.
Mascarillas no transporte público
O Concello complementa esta actividade coa entrega das máscaras que, procedentes do Goberno central, repartíronse esta mañá entre usuarias e usuarios do servizo de transporte público de Narón. Á cidade chegaron un total de 8.000 máscaras que se reparten entre a cidadanía en colaboración coa Policía Nacional e que tal e como apuntou Ferreiro tamén se entregarán aos traballadores e traballadoras dos tres polígonos industriais da cidade.
Discussion about this post