A Consellería de Sanidade vén de reforzar, desde esta mesma mañá, o teléfono 900 400 116 de información sobre o coronavirus coa incorporación de ata 100 teleoperadores para a atención exclusiva ás consultas e as solicitudes de información relacionadas con esta enfermidade co obxectivo de axilizar a atención á poboación.
O reforzo do persoal de operación telefónica realizarase de luns a venres, en horario de 9,00 a 21,00 horas no que se está a recibir o maior número de chamadas en relación co coronavirus. Con esta medida, o departamento de Sanidade garante a atención telefónica inicial de todas aquelas persoas que chamen a este teléfono gratuíto.
O teléfono 900 400 116 habilitouse para aquelas persoas que teñan síntomas leves de coronavirus e estiveran nunha zona de risco ou tiveran contacto estreito cunha persoa que dera positivo en coronavirus, e aqueles que queiran solicitar información relacionada con esta enfermidade. Deste xeito, o 061 mantense como o teléfono exclusivo para a atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias en Galicia. Calquera persoa que se atope nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria, deberá chamar ao 061, onde será atendido por persoal médico e enfermeiro especialista na atención a este tipo de situacións.
2.950 chamadas atendidas onte polo coronavirus
Desde que a Comunidade galega rexistrase os primeiros casos de persoas infectadas co coronavirus, na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061,que xestiona tanto o teléfono 061 como o 900 400 116, rexistrouse un progresivo incremento do número de chamadas atendidas ata chegar a un incremento do 60%. No día de onte, na Central de Coordinación atendéronse 7.368 chamadas, das cales 2.950 chamadas tiñan relación con coronavirus. Destas, 2.127 chamadas atendéronse no 900 400 116 e 821 no teléfono 061.