A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrou onte unha reunión telemática na que os representantes dos nove municipios (Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño) acordaron facer un chamamento á responsabilidade da cidadanía nesta fase 1 do retorno á normalidade. Os alcaldes piden que se cumpran as medidas establecidas polas autoridades para que non se malogre a tendencia á baixa nos casos de Covid-19.
Tamén informaron de que durante os próximos días se van redobrar esforzos por evitar condutas de risco e que estean prohibidas, ao tempo que quixeron valorar a actitude da maior parte da poboación, que está seguir as indicacións dunha maneira estrita, fronte aos incumprimentos dunha minoría. Como parte deses dispositivos de control, hoxe a Garda Civil identificou en Valdoviño a un total de 50 persoas.
Segundas residencias
A entidade supramunicipal tamén lembra que as segundas residencias non se poden considerar domicilios, o que implica que aínda que estea permitido visitalas, non o está saír delas para pasear ou facer deporte pola zona. Esas actividades só se poden levar a cabo nas inmediacións da primeira vivenda, no mesmo municipio onde se está domiciliado.
Discussion about this post