Os tradicionais mercadillos de Caranza e o Inferniño aprázanse ao mes de setembro sempre e cando as circunstancias sanitarias o permitan. Tanto o Concello como os representantes veciñais de Caranza mostráronse de acordo en adiar a feira do barrio tras analizar a actual situación sanitaria e os requirimentos de seguridade para poñela de novo en marcha.
Trátase dun evento que organiza a asociación veciñal, para o que conta co apoio da Administración local ferrolá, onde esta última xa recuperou en semanas pasadas a feira de Ferrol e o mercado de Recimil, como primeiros pasos para reemprender a venda ambulante de forma segura na cidade.
No caso do de Caranza cómpre manter aínda un principio de cautela, por canto a súa celebración en agosto implicaría descargar na entidade veciñal máis traballo do que xa debe desenvolver en situación de normalidade. Nese senso, cando se dean as condicións axeitadas a asociación contará co total apoio do Concello á hora de garantir a seguridade. En canto ao do Inferniño, decidiuse que, aínda que o xestiona directamente o Concello, seguirá os mesmos pasos que o de Caranza.
Discussion about this post