«Polo Camiño» é a nova proposta cultural coa que Concellería de Cultura de Valdoviño arrinca o outono. Esta nova aposta de lecer consiste nun programa que, ás portas do Xacobeo 2021, busca dinamizar a ruta de San Andrés de Teixido, con espectáculos nalgúns dos puntos máis significativos deste itinerario de peregrinación ao seu paso pola localidade.
O novo ciclo municipal xorde baixo o paraugas de Cultura no Camiño +, iniciativa financiada pola Xunta de Galicia e máis por Gadis para potenciar, como anticipo do Ano Santo, a oferta cultural dos concellos por onde discorren os Camiños de Santiago e outras rutas de peregrinación complementarias, como é o caso da de San Andrés.
Obras teatrais para os máis pequenos
«Polo Camiño», pensado para gozar en familia, iníciase este sábado cunha proposta pensada para os máis pequenos e as máis pequenas da casa. A obra «Monstros no Camiño» da compañía naronesa Teatro dos Gazafelhos poñerase en escena no campo da festa da Rocha, a partir das 18.00 horas.
Os menores serán tamén os principais destinatarios doutras dúas propostas programadas. Así, o sábado 3 outubro, dende as 13.30 horas, Raquel Queizás leva á contorna da Capela da Fame, punto de parada obrigada para os romeiros que se dirixían a Teixido, o seu espectáculo de contos “O eco das pedras”. E o domingo 4, a partir das 18.00 horas, xunto á ermida de Porto do Cabo, enclave onde o camiño deixa as terras valdoviñesas, Teatro Marionetas Trécola presenta «Gaela quere ser druída».
A única actuación prevista á marxe do Camiño de San Andrés desenvolverase este domingo -28 de setembro, ás 19.00 horas- precisamente na igrexa dedicada ao apóstolo Santiago, na parroquia de Lago. Será un concerto dos coruñeses Black, que leva por título «Soul e literatura: un paseo, entre liñas, pola música negra·.
Promoción cultural con medidas anti-Covid
Todos os espectáculos de «Polo Camiño», pensados para centrar o foco na ruta a Teixido, contribuíndo á súa divulgación, terán aforo limitado, e desenvolveranse conforme ao protocolo preventivo fronte ao covid-19, sendo obrigatorio o uso de máscara e o mantemento da distancia interpersoal. As invitacións para asistir ás obras poderanse retirar de luns a venres, de 11.00 a 14.00 horas, na Casa da Cultura de Valdoviño a mesma semana na que se programen as actuacións. Entregaranse un máximo de dous pases por persoa.